Skip to main content
Axenda CaducadaVilalba

O FIV pon á venda as entradas por día e presenta o cartel completo

Por 17 Febreiro, 2023Sin comentarios

O FIV de Vilalba puxo á venda as entradas por día para o festival que se celebrará na localidade do 28 ao 30 de abril. O prezo da entrada diaria é de 25 euros (máis gastos de xestión). As entradas poden mercase a través da súa páxina web como vén sendo habitual.

Os abonos continúan á venda a un prezo de 45 euros tras esgotarse os tres primeiros tramos, así como os billetes de autobús para o servizo especial de transporte, que, por primeira vez, transportará ao público ás cidades da Coruña e Lugo ao finalizar os concertos principais. Ambos se poden adquirir a través da web.

REMATA A CONFECCIÓN DO CARTEL

A organización tamén deu a coñecer que grupos actuarán o venres e o sábado respectivamente.

O venres 28 de abril subiranse ao Escenario Vibra Mahou do Campo da Feira: La Casa Azul, Sidecars, Carlangas, Mora e os DJ Akkan. Mentres que o sábado actuarán Lori Meyers, Sidonie, Delaporte, Hickeys, Berta Franklin e Ocho y Medio Dj’s. A nova fichaxe do festival, Tangerine Sistas, inaugurarán o escenario principal ambas as noites coa súa música electrónica.

Tamén o sábado 29 de abril, o escenario emerxente da praza da Constitución acollerá os concertos da Banda de Música de Vilalba, aos murcianos Los Malinches e aos DJ’s Jus Kno’. Por último, o domingo 30 de abril e no mesmo espazo, o grupo infantil A Gramola Gominola deleitará aos máis pequenos da casa para pechar tres días completos de música. Todos os concertos situados neste escenario serán gratuítos.

Así mesmo, habilitouse unha nova zona de acampada debido á alta demanda. Esta vez o recinto escollido será o campo de fútbol Estadio Roca e as prazas son limitadas. As reservas estarán dispoñibles a través da páxina web ata o 16 de abril ou ata esgotarse o número máximo de parcelas.