Skip to main content
Vilalba

A ampliación de Entrepinares en Vilalba, declarada iniciativa empresarial prioritaria

Por 24 Febreiro, 2023Sin comentarios

Cun investimento de 19M€, inclúe a instalación dunha nova liña de fabricación de queixo no formato de tres quilogramos de peso, elaborado con leite de vaca, cabra e ovella, e nas variantes de tenro e semicurado.

O Consello da Xunta declarou onte como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Queserías Entrepinares para ampliar as súas instalacións en Vilalba. Cun investimento de 19 millóns de euros, a empresa busca instalar unha nova liña de fabricación de queixo no formato de tres quilogramos de peso, elaborado con leite de vaca, cabra e ovella, e nas variantes de tenro e semicurado. 

A nova planta multimolde, anexa á actual, dará resposta á crecente demanda dun produto xa elaborado pola empresa, pero nas plantas que ten fóra de Galicia. Ata o de agora, a empresa recollía na Comunidade o 80% deste produto que logo era enviado sen procesar aos seus centros de produción en Valladolid e Madrid. Con este proxecto, evitarase o transporte de gran parte do leite co consecuente aforro económico. Ademais, incrementarase nun 32% a capacidade de produción de queixo nas instalacións de Vilalba.

Esta iniciativa de Queserías Entrepinares encádrase nun sector que ten un carácter estratéxico para o rural de Galicia, como é o lácteo galego, que representa o 1,5% do PIB da Comunidade. Ademais, complementa a cadea de valor do leite, xa que contribúe a aumentar o valor engadido deste produto mediante a elaboración de queixos.

O proxecto cumpre cos requisitos para recibir esta declaración: supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (en concreto, serán 19.125.000 euros); a creación de emprego mínimo (prevense 35 postos de traballo directo, indefinido e a xornada completa, o 57% dirixido a mulleres); e complementa cadeas de valor ou pertence a sectores estratéxicos como é, neste caso, o lácteo.

Entrepinares está dando mostras da súa aposta por seguir mellorando a súa competitividade. Neste sentido, ademais deste proxecto de ampliación, é unha das empresas que participa en iniciativas que contan con fondos europeos. Neste sentido, cómpre lembrar que é unha das firmas incluídas no proxecto Smart4Cheese, co que se pretende impulsar a dixitalización no sector lácteo das queixerías.

A nova declaración aprobada no Consello da Xunta -a proposta da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación- enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.

Deste xeito xa son 19 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas e lideradas por Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Hornos de Lamastelle (Carballo), Armonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candelas (Lugo), Bioenergía
A Coruña (A Laracha),  Valogreene Recinor (As Somozas), Green Umia (Caldas de Reis), Green Meiga (Begonte), Naturgy Nuevas Energías (en Meirama, Cerceda), Kern Pharma (Monforte de Lemos) e agora Queserías Entrepinares (Vilalba).

Esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial. A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios por parte da Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de barreiras á actividade empresarial.