Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta reúnense cos veciños de Bordelle

Por 25 Febreiro, 2023Sin comentarios

Vilalba Aberta prosigue o seu proceso de escoita no rural vilalbés. Así, e despois das xuntanzas en Santaballa, Nete, Ladra, Oleiros, Carballido, Corbelle, Belesar, San Simón, Lanzós e Árbol, a formación achegarase ao barrio de Bordelle (Santaballa) co fin de celebrar unha nova parada da súa iniciativa Rede de Parroquias.

Á reunión, fixada para o vindeiro xoves día 2 de marzo, ás 20:30h, na Casa Escola do barrio, seguiranlle outras tres – apalabradas xa – no marco dunha serie de encontros deseñados co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza do rural vilalbés e incorporalas, logo, á axenda política da corporación.

O seu Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, puxo en valor “a predisposición e iniciativa da veciñanza das parroquias e barrios que os contactaron, así coma o imprescindible de facer política “escoitando aos veciños do rural” e lembrou que “estes son sempre os máis damnificados polo conxunto dunhas administracións chamadas a velar polos seus intereses do mesmo xeito que o fan polos veciños/as do casco urbano”.

É por isto que animou á veciñanza de Bordelle a participar, achegándose o xoves á Casa Escola. Así mesmo, Renda non quixo deixar pasar a oportunidade para  trasladar o seu “profundo agradecemento á directiva da asociación de veciños do barrio” por permitir facer posible este novo encontro.