Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Impulsan unha recollida de sinaturas reclamando a creación dunha escola infantil pública no Hospital da Mariña

Por 28 Marzo, 2023Marzo 29th, 2023Sin comentarios

CIG Saúde A Mariña impulsa unha recollida de sinaturas reclamando que se cumpra a normativa do Sergas, e que o Hospital da Mariña conte cunha escola infantil públicaE para nenos e nenas de 0 a 3 anos e así favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.

Desde CIG Saúde A Mariña solicitan a creación dunha escola infantil pública no Hospital da Mariña (ao igual que noutros hospitais Sergas) co obxectivo de axudar a conciliar a vida familiar e laboral, que abra de 7.30 a 22.30 horas durante todos os días da semana, incluídos festivos.

A escola debe ser un lugar de socialización, afecto e desfrute onde se cubran todas as necesidades infantís; saúde, hixiene, descanso, xogo e afecto, nun ambiente cálido e acolledor.

A gardería debe constar con dependencias acondicionadas e cun proxecto educativo propio adaptado á idade do neno/a, levando a cabo unha serie de obxectivos xerais en cada unha das etapas.

Débese dar unha gran importancia tanto ao desenvolvemento harmónico, físico e psíquico como á autonomía do neno/a, xa que o primeiro ciclo de educación infantil é clave para as seguintes etapas da súa vida.

Entenden que é obriga da administración cumprir a súa propia normativa e poñer a disposición das traballadoras e traballadores medidas de conciliación para favorecer o coidado das crianzas en horario laboral. Unha medida imprescindible para que aquelas mulleres que decidan libremente ter fillos/as non se atopen con trabas que lles fagan elixir entre ser nai ou desenvolverse profesionalmente.

Desde a CIG apostan polo coidado, desenvolvemento e recoñecemento dos e das profesionais, e apostando pola conciliación laboral e familiar do persoal.