Skip to main content
Foz

O Cenima de Foz acollerá a presentación do primeiro Encontro de Bandas das Escolas de Música da Mariña

Por 28 Marzo, 2023Sin comentarios

Este venres, día 31, ás 12.00 horas no salón de actos do Cenima, de Foz, terá lugar a presentación do primeiro Encontro de Bandas das Escolas de Música da Mariña.

As escolas de música de Burela, Mondoñedo, Xove, Ribadeo e Foz levarán  cabo conxuntamente estes encontros de bandas, que se celebrarán este curso nos auditorios municipais de Burela e de Mondoñedo os días 15 e 29 de abril respectivamente. Dita iniciativa será caldo de cultivo para as relacións entre os alumnos pertencentes á materia de Banda das diferentes escolas da Mariña co fin de compartir en sociedade as vivencias musicais fóra do ámbito local.

Os directores das diferentes escolas, Xan Carballal (Burela e Mondoñedo), Hugo García (Ribadeo), Felipe Sánchez (Foz) e Xulia Nogueira (Xove), están moi contentos de levar a cabo a iniciativa xa que “aportará aspectos moi positivos ás relacións entre os diferentes centros ademais de enriquecer a formación dos participantes”.

Dende a Concellería de Cultura de Foz a edil Inés López Couto móstrase moi satisfeita co evento porque “creará sinerxías entre as escolas e producirá lazos entre as distintas agrupacións, moi bos para a comarca”. Ademais agradece “o traballo das direccións dos centros, así como a implicación dos profesores para poder levar a cabo estas iniciativas que redundan na mellora da calidade educativa”.