Skip to main content
Ribadeo

En breve comezarán as obras de mellora e acondicionamento na rúa ribadense Luz Pozo Garza

Por 28 Marzo, 2023Sin comentarios

O Concello iniciará nos vindeiros días as obras de mellora e acondicionamento na rúa Luz Pozo Garza e nun marxe da rúa Virxe do Camiño. O investimento achégase aos 200.000 euros e o prazo de execución será de catro meses.

A concelleira de Obras, Mónica Freire, sinalou que “estas importantes e agardadas obras de mellora configúranse como unha mellora e humanización desta área urbana que se atopa deteriorada por mor de sucesivas reparacións”.

A edil ribadense dixo que “agora, o Concello vai executar a dotación dun novo pavimento de aglomerado asfáltico e dunhas novas beirarrúas ao longo de toda a rúa Luz Pozo Garza, onde tamén se implementarán novas tubaxes de abastecemento de auga, unha nova canalización de saneamento e unha nova rede de alumeado xa fixada con criterios Led. Ademais na rúa Virxe do Camiño, fronte ao Xardín de Indianos e tamén na marxe contra a capela da Virxe do Camiño, vaise substituír o pavimento existente na beirarrúa, renovándose tamén as farolas existentes e o sistema de alumeado. Tamén se procederá ao pintado dos bordes e prazas de aparcamento, á sinalización horizontal e vertical e á dotación de mobiliario urbano e árbores”.

Freire Rancaño subliñou que “esta inversión, que supón 198.772,76 euros de orzamento, é financiada a través dun convenio de colaboración asinado coa  Deputación de Lugo e foi adxudicada á empresa Desarrollos y Metas, S.L. O período máximo de execución das obras será de catro meses”.

A concelleira de Obras engadiu: “en conxunto, as obras supoñen unha decidida aposta pola humanización desta área e, por extensión, pola calidade de vida e a recuperación de espazos nesta zona da nosa vila”.