Skip to main content
O Corgo

Felipe Labrada repite como candidato do PP á Alcaldía do Corgo

Por 17 Marzo, 2023Sin comentarios

Felipe Labrada, repite como candidato a alcaldía do Corgo polo Partido Popular avalado por unha ampla experiencia política. O acto de presentación tivo lugar no Punto de Atención á Lectura do Corgo onde o candidato estivo arroupado por membros da dirección provincial – o coordinador xeral, José Manuel Balseiro, o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal –, a deputada autonómica, Cristina Sanz, a voceira de Sanidade do Grupo Popular no Parlamento galego, varios alcaldes e voceiros próximos ao concello, así como simpatizantes e afiliados
do partido.

Desde a dirección provincial amosan a súa confianza en Labrada. “Amosounos que, incluso gobernando en minoría, ten unha capacidade de xestión excepcional. So hai que ver todas as obras e avances que fixo nestes últimos catro anos para darse conta de que o seu traballo o avala”, apuntan os populares.

No transcurso da presentación o actual rexedor do Corgo agradeceu á dirección provincial pola “confianza amosada para representar unha vez máis aos veciños e veciñas da localidade e espera que nas vindeiras eleccións municipais devolver esa confianza en forma de resultados para o partido e para os veciños”. “Seguiremos traballando por e para O Corgo”, engade.

Labrada, que desde o ano 1999 é tenente de alcalde do municipio, sumando así un total de 28 anos como membro da corporación local, sinala que “coñezo de primeira man o municipio e as necesidades dos veciños e veciñas así como as súas demandas”. Ademais, fixo un balance en positivo en canto a xestión municipal, marcada polo pandemia e o confinamento e “na que se tratou de estar preto dos veciños, sobre todo da xente maior”. Neste sentido, o alcaldable pretende “dar unha resposta a todos os corgueses seguindo coa mesma liña de traballo que ata agora” e sinalou que nesta última lexislatura cumpríronse as promesas feitas para mellorar o municipio.