Skip to main content
Lugo

María López Sández ingresa na Real Academia Galega reivindicando o papel da paisaxe no ensaio galego

Por 12 Marzo, 2023Marzo 13th, 2023Sin comentarios

María López Sández ingresou na Real Academia Galega como membro de número explorando a relación da paisaxe cos inicios do ensaísmo galego. A filóloga e escritora, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela, reivindicou a descrición da natureza como parte esencial da necesidade da autorrepresentación colectiva e puxo o acento na importancia da xeración dos 50 neste labor intelectual. “A paisaxe constitúe un dos eixos recorrentes, poida que o máis sobranceiro de todos, do pensamento galego”, afirmou no discurso que pronunciou no Círculo das Artes de Lugo, a súa cidade natal.

A nova académica identificou o xermolo do ensaísmo no limiar de Cantares gallegos, exemplo de “autorrepresentación radical” que “constituíu o acto político máis poderoso da Galicia do século XIX”; e sinalou a Ramón Otero Pedrayo como figura clave para a eclosión a mediados do século pasado dun xénero que sempre constituíu para as linguas minorizadas “o último chanzo na loita polo seu recoñecemento como códigos de pleno dereito”.

O discurso de María López Sández préstalles unha atención especial aos autores lugueses dos anos 50, que foron parte destacada dunha xeración que construíu “unha obra coral” arredor da paisaxe. O propio Celestino Fernández de la Vega, quen parodiando a Ortega y Gasset afirmou “eu son eu e maila miña entrañable e íntima paisaxe luguesa”, o papel de Ánxel Fole na cohesión do grupo que eles mesmos formaron con Ramón Piñeiro, Luís Pimentel e outros autores, “toda unha constelación de figuras que se atopan neste Lugo da posguerra e que desempeñarán un papel decisivo na historia de Galicia e na consolidación do ensaio como xénero das nosas letras”.

A investigadora gaba en concreto un par de textos, Abrente e solpor da paisaxe, de Celestino Fernández de la Vega, do que resalta a fondura filosófica e o entroncamento coa historia das ideas estéticas;  e Mito e realidade da Terra nai, de Xoán Rof Carballo, “un dos máis fermosos ensaios sobre a paisaxe galega”. “Detérmonos nestes dous ensaios esenciais do pensamento galego arredor da paisaxe é un modo de abrirmos a fiestra cara a esta preocupación central en toda a xeración de Galaxia e na súa escrita ensaística”, explica. Moitos e moitas, detrás de todos eles, seguiron a achegarse ao pensamento arredor da paisaxe. María López Sández fíxoo desde os formatos máis académicos, pero seguramente todos e todas o fixeron movidos, comparte ela, “por ese mesmo engado que nos chama desde un misterio último e íntimo do que abrolla a nosa emoción da terra, do noso habitar a paisaxe, inesgotable, que se revela na linguaxe poética e na construción literaria”.

Marilar Aleixandre foi a encargada de darlle resposta a María López Sández en nome da RAG nunha sesión extraordinaria pública que contou coa presenza de representantes das distintas institucións da vida cultural, política e cívica do país. A académica de número lembrou que María López Sández fai a número trece das mulleres elixidas numerarias e a número nove das académicas do pleno neste momento; e puxo tamén o acento no “empeño de esculcar o que fica nas marxes” e nas orixes dunha muller educada no ensino público. “O pobo traballador e labrego, as fillas de condutores de camións, as netas das exiliadas, merecen ter voz na Academia para contar a súa propia historia”, concluíu Marilar Aleixandre nunha emotiva intervención que indagou nas raíces familiares da nova académica, cunha primeira parada na foxa común do cemiterio de Ceares (Xixón), onde en 1937 foi asasinado o seu bisavó paterno.

A sesión arrincou gardando un minuto de silencio en memoria do académico de número, Salvador García-Bodaño, quen faleceu o pasado martes; e rematou coa entrega do diploma e a medalla de académica a María López Sández por parte do presidente da RAG. Víctor F. Freixanes salientou o labor investigador e creativo da nova académica, mais tamén a súa condición de docente. “Todos e todas nós somos fillos e fillas dun bo profesor”, expresou.