Skip to main content
Lugo

Un estudio vincula os trastornos de atención e hiperactividade en cans a baixos niveis de serotonina e dopamina

Por 24 Marzo, 2023Marzo 25th, 2023Sin comentarios

O hospital veterinario universitario Rof Codina relaciona os trastornos de hiperactividade, falta de atención, agresividade ou mesmo impulsividade que presentan algúns cans á presenza de baixos niveis de serotonina e dopamina en sangue, segundo se desprende das conclusións dun estudo pioneiro realizado no centro universitario lugués polos investigadores do Campus Terra da USC Ángela González Martínez, Susana Muñíz de Miguel e o profesor da área de Produción Animal Francisco Javier Diéguez que vén de ser publicado no último número da prestixiosa revista veterinaria Animals.

O artigo Serotonin and Dopamine Blood Levels in ADHD-Like Dogs, do que figura como primeira asinante a etóloga Ángela González Martínez, corrobora que este tipo de problemas de comportamento advertidos nas mascotas caninas gardan unha estreita relación con transtornos de desenvolvemento neurolóxicos advertidos en humanos, tal e como pode ser o TDAH, que afecta principalmente a nenos e adolescentes e que pode implicar unha merma de habilidades laborais e mesmo certo estigma social.

A investigación pioneira desenvolvida polos investigadores do hospital Rof Codina na USC e na que tamén colaboraron as empresas Lar do Belelle, de Fene, e Etoloxía, de Pontevedra, permite cubrir o baleiro de estudos respecto das causas deste tipo de condutas inapropiadas en animais que presentan unha sintomatoloxía semellante á das persoas afectadas por TDAH.

As análises de sangue realizadas polos investigadores do Rof Codina a preto de 60 cans con sinais semellantes ás presentadas por doentes humanos con TDAH, revelaron que as mascotas con trastornos de conduta e falta de atención presentan un baixo nivel de concentración en sangue de dous neurotransmisores, tal e como o son a dopamina e a serotonina.

A investigadora Ángela González-Martínez explica que, as analíticas de sangue realizadas, cuxos resultados tamén foron completados con outras observacións físicas e condutuais das mascotas, permiten establecer un vínculo directo entre animais que presentan baixos niveis de concentración de serotonina e dopamina en sangue e comportamentos hiperactivos, agresividade e, entre outras, impulsividade.

Esta veterinaria especializada no estudo do comportamento animal defende que os resultados acadados nesta investigación resultan de máximo interese para os titores de mascotas, especialmente para aqueles donos daqueles cans que presentan calquera tipo de sintomatoloxía relacionada con déficit de atención ou condutas agresivas e impulsivas. Neste seno, González-Martínez explica que os problemas dunha parte das mascotas que teñen este tipo de afeccións neurolóxicas poden corrixirse a través da indicación de pautas correctas, mentres que noutros casos, o tratamento deste tipo de condutas require de axuda de tipo farmacolóxica.