Skip to main content
Lugo

Lugo contará cun novo mural para por en valor a cultura castrexa

Por 28 Marzo, 2023Sin comentarios

O gran mural que se pintará nunha medianeira do edificio número 158 da Rolda da Muralla para poñer en valor a cultura castrexa lucense  xa foi presentado e será obra do muralista Manuel Pallín. Este compromiso coincide co recoñecemento do Arde Lvcvs como Festa de Interese Turístico Internacional e búscase que teña unha presenza prominente como a que ten xa o mural de Julio César, de Diego As, vinculado ao legado romano.

Será unha guerreira castrexa a que se representará, ataviada cos elementos característicos como son as arracadas (pendentes femininos), unha fíbula como pasador da roupa, un colar castrexo e un puñal de antena. O autor do ural estivo asesorado para este traballo pola directora do Museo Provincial de Lugo, Aurora Balseiro, e polo arqueólogo Enrique Alcorta.

“Estamos seguros de que a nosa guerreira se converterá noutra icona de Lugo, como Julio César, considerado como o Mellor Mural do Mundo 2021, e permitiranos valorizar e visibilizar con orgullo o noso pasado e a nosa historia ao mesmo tempo que se promocionará como un recurso turístico xa que tamén se poderá admirar desde a Muralla”, sostivo Lara Méndez, que estivo acompañada na presentación polo concelleiro de Xuventude, Maurico Repetto e o autor, Manuel Pallín.

A obra conta xa coa autorización de Patrimonio e estará pintada cunha gama cromática de grises e beiges para ser respectuosos coa contorna da Muralla, Patrimonio da Humanidade.

Méndez destacou, así mesmo, que “con este mural queremos, ademais, amosar  o papel que as castrexas tiveron hai 2.000 anos na defensa da súa terra dominada entón polos romanos, pero tamén o protagonismo das mulleres no Arde Lvcvs, con catro asociacións formadas integramente por mulleres e unha presenza e participación superior ao 40% en todas as celebracións”. Neste senso, lembrou que, no 2021, Lugo recibiu o galardón Tourism Women Friendly, promovido pola organización Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE), pola visibilización da muller nesta festa de recreación histórica.