Skip to main content
Folgoso do Courel

Reforzouse a rede de abastecemento de auga en seis núcleos de Folgoso do Courel

Por 7 Marzo, 2023Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executou en seis núcleos de Folgoso do Courel obras de reconstrución e reforzo da rede de abastecemento de auga que se viu afectada pola vaga de incendios do pasado verán.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse ata a zona para coñecer as actuacións realizadas, que non se limitaron á reposición dos elementos danados senón que incluíron novas dotacións para mellorar o servizo.

A Consellería, a través de Augas de Galicia, investiu 114.500 euros nos traballos, que se contrataron pola vía de urxencia e beneficiaron a Folgoso, O Mazo de Santigoso, A Campa, Vilar, Vidallón e Vilamor.

Entre as principais intervencións figura a instalación dun novo depósito de 15.000 litros no Mazo de Santigoso, que incrementa a cantidade e a presión da auga dispoñible.

En Vidallón incorporáronse 12 bocas de incendio e dúas mangueiras para extinción de incendios forestais. Na Campa soterráronse 20 metros de tubaxe que xa fora substituída ao resultar danada pola realización dun cortalumes.

En Folgoso foi preciso refacer todo o sistema, xa que arderon as tres captacións das que se abastecía; problemas similares obrigaron a colocar novas arquetas e substituír a tubaxe en Vilar e Vilamor.

Arias destacou que desde o primeiro momento os esforzos estiveron dirixidos a garantir o abastecemento en todas as zonas damnificadas polo lume, que afectou gravemente ás infraestruturas hidráulicas.