Skip to main content
Folgoso do Courel

O tráfico desviarase da estrada LU-651 debido ás obras durante dous meses

Por 10 Marzo, 2023Marzo 11th, 2023Sin comentarios

O vindeiro luns, 13 de marzo, desviarase o tráfico na estrada autonómica LU-651 polas obras de ensanche e mellora da mesma entre Ferrería Vella e Seoane, no municipio de Folgoso do Courel.

O tráfico permanecerá cortado nun tramo de dous quilómetros, entre os puntos 31,300 e 33,300 da citada estrada, en xornadas laborables e desde as 9.30 horas, unha vez que teña accedido o transporte escolar, ata as 20.30 horas.

Fóra dese horario e durante as fins de semana abrirase parte da vía e darase paso alternativo á circulación nos distintos sentidos, regulados por semáforos.

A duración estimada do corte total do treito será de dous meses, pero habilitarase o paso a través dun carril e regulación semafórica nos intervalos en que se estime que a execución dos traballos o permite.

A Xunta habilitará distintas alternativas co fin de causar os mínimos prexuízos posibles, sinalizados segundo o tipo de vehículos.

Os vehículos lixeiros, e en todo caso os que conten cunha anchura e altura inferior a dous metros, disporán dun desvío en cada sentido: os que se despracen desde Folgoso cara a Seoane desviaranse pola estrada cara ao pobo de Moreda á altura do CPI Uxío Novoneyra, mentres que os que realicen o traxecto inverso utilizarán o camiño que baixa dende Seoane, por detrás da oficina de Correos- á Ferrería Nova. Este desvío só estará habilitado para baixar debido á súa escasa anchura.

Alternativas

As características destas pistas non permiten o acceso de tráfico pesado, que deberá optar por outras alternativas para desprazarse entre Folgoso e Seoane.

Así, para chegar a Seoane do Courel dende fóra do municipio recoméndanse diferentes rutas en función da orixe. En primeiro lugar, acceder pola estrada LU-P-1301 que penetra no municipio polo norte procedente de Hospital, en Pedrafita do Cebreiro.

Tamén se poderá acceder pola estrada LU-P-5601 desde o oeste, por Lóuzara e Meiraos; ou ben pola estrada LU-P-1303 que provén do leste e do sur, procedente de Quiroga, por Ferramulín, Hórreos e Visuña.

Na propia LU-651, os vehículos pesados ou de dimensións maiores ás indicadas que circulen no sentido dende Folgoso cara Seoane, deberán tomar un desvío sinalizado en Mogoxe (LU-651, km 28,75) pola estrada LU-P-1306; en sentido contrario, circulando pola LU-P-1301 cara a Seoane, antes deste núcleo deberán desviarse pola LU-P-5601.

3,4 millóns para 3,5 quilómetros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a investir 3,4 millóns de euros nesta obra, que suporá ensanchar en total 3,5 quilómetros da estrada para dotala dun carril de tres metros de ancho por cada sentido de circulación e beiravías de 50 centímetros.

Tamén se executarán cunetas transitables, de 90 centímetros de ancho, que mellorarán a seguridade.

A intervención incluirá a rectificación de varias curvas; a ampliación de dous pontóns; a mellora da drenaxe da propia plataforma e a drenaxe lonxitudinal e transversal; a construción de dous muros de sostemento de terras e a mellora do firme e a substitución da sinalización en todo o treito.

Así mesmo, está previsto habilitar un aparcadoiro para autobuses en Seoane, ao carón da parcela onde están actualmente os servizos de Protección Civil, co fin de facilitar a chegada de turistas e visitantes.

Pola súa banda, no lugar de Ferrería Vella renovarase a marquesiña á saída do núcleo e pavimentarase a travesía. As obras comezaron a finais de setembro e o prazo de execución previsto é de 12 meses.