Skip to main content
Sober

O PSdeG elixiu a Eladio Fernández como alcaldable ao Concello de Sober

Por 17 Marzo, 2023Sin comentarios

Eladio Fernández Pérez é o candidato elixido pola militancia socialista para gañar a Alcaldía de Sober nas próximas eleccións municipais do 28 de maio.

Na súa presentación dixo: “Quero darlle un cambio político a Sober, por unha banda, xestionando mellor os nosos recursos públicos, e tamén, escoitando á veciñanza e aos colectivos do noso concello”, dixo Fernández, que é voceiro do PSdeG na Corporación e presidente de FADEMGA.

O Secretario Xeral dos socialistas na provincia, José Tomé Roca, subliñou que Eladio Fernandez “é o Presidente dunha das principais institucións de Galicia en favor da inclusión. Para nós é un orgullo e un verdadeiro exemplo de compromiso non só co seu pobo, senón con tódalas persoas e familias que forman parte deste colectivo”, incidiu.

José Tomé puxo en valor a valía profesional e política de Fernández, pois “ao longo destes anos demostrou a súa implicación en favor da súa veciñanza, impulsando e promovendo iniciativas en beneficio de tódolos colectivos locais. Por iso, agora é mais necesario ca nunca o seu traballo e o seu compromiso con Sober”.

Eladio Fernández avanzou que un dos principais obxectivos do seu programa será o de mellorar o Plan Urbanístico do Concello. “Non podemos facer obras, nin pequenas nin grandes.

Hai que modificar as normas en favor da veciñanza e sobre todo, atopando solucións aos actuais problemas de edificación. Se hai problemas, hai que atoparlles unha solución e non escondelos”, expuxo.

Tamén quere promover outro tipo de propostas que redunden na mellora da calidade democrática do Concello. “Todos e todas temos que ser partícipes das iniciativas da vila. Non se pode gobernar a base de decretos da Alcaldía, como fai o PP. Hai que abrir ás fiestras do Concello, que é de todos e de todas, e non dar ás costas á veciñanza”, incidiu.