Skip to main content
Triacastela

A Furgoteca iniciou o seu percorrido por Galicia en Triacastela

Por 2 Marzo, 2023Sin comentarios

Triacastela foi o punto inicial do percorrido da furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, un dos 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense nos que se implanta para achegar a lectura aos veciños.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na súa posta en marcha xunto coa alcaldesa Olga Iglesias, coa que animou a participar a todos os veciños de todas as posibilidades que ofrece, “desde coller en préstamo libros e revistas e participar nas moitas actividades complementarias que programamos ata facerse o carné de usuario de biblioteca ou conectarse a internet”, explicou.

Así, en Triacastela instalouse a primeira hora na Casa Niño, onde se ofreceu unha sesión de contacontos e durante o día prestou servizo á cidadanía na praza do Concello, recibiu a visita do alumnado do colexio CEIP Eduardo Cela Vila e completou a súa itinerancia na Casa do Maior de Vilar.

“Unha proposta de proximidade como A furgoteca é esencial para achegar a cultura a toda a veciñanza, na liña dos obxectivos da nosa folla de ruta para este ano, o Plan Xeración Cultura coa que estamos impulsando o sector cultural”, expresou Anxo M. Lorenzo.

Hoxe a Furgoteca estará en Samos, a onde volverá o vindeiro 16 de marzo e tamén o 30 con diferentes rutas: hoxe e o 30 estará só en Samos e o 16 percorrerá algunhas parroquias do municipio.

A furgoteca

Na furgoteca pódense atopar exemplares de libros, películas, música ou xogos físicos e dixitais así como publicacións periódicas como revistas e xornais. Tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación.

Teñen conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios. As bibliotecas móbiles dispoñen, ademais, de persoal de atención cun perfil técnico especialista en ocio educativo e animación sociocultural.

Como complemento, terán programación de periodicidade estable como clubs de lectura, contacontos, encontros con autores locais, entre outras, para o que se buscará a colaboración cos centros educativos tanto a través de equipos docentes como a través de bibliotecas escolares e do tecido asociativos.