Skip to main content
Guitiriz

Guitiriz completa os actos do 8M cun monólogo este venres

Por 27 Marzo, 2023Sin comentarios

O Concello de Guitiriz conmemorou o 8M, Día da Muller, cunha manifestación para darlle visibilidade á loita pola igualdade de dereitos e a importancia de estender na sociedade os valores do feminismo e unha obra teatral. O lema escollido para este ano foi En Guitiriz somos feminismo. Iguais e libres.

Ademais, este venres 31 de marzo, dentro da programación de actividades polo 8M, a Casa Habanera acollerá A síndrome de Lis, un monólogo teatralizado escrito e dirixido por Diana López Varela e interpretado por Rocío Barrio.

A actuación terá dous pases: un para o público en xeral e outro para o alumnado do IES Poeta Díaz Castro.

Trátase dun monólogo teatralizado dirixido a público adolescente (+14) e adulto, cunha duración duns 70 minutos, no que, en clave de comedia, a protagonista fará un repaso á súa vida e aos seus éxitos e fracasos, coa autoestima como fío condutor (e destrutor). Os trastornos de ansiedade e a depresión, a síndrome da impostora, o acoso sexual e a proxección dunha falsa imaxe nas redes son temas que conflúen nesta peza.