Skip to main content
Muras

Veciños de Silán manifestáronse contra a reapertura da mina

Por 27 Marzo, 2023Marzo 28th, 2023Sin comentarios

Veciños e veciñas de Silán, en Muras, e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) manifestáronse este domingo na zona da polémica mina San Acisclo, para esixir a admisión dos recursos xudiciais presentados e a revocación dos permisos concedidos pola Xunta de Galicia.

Na concentración, na que non houbo representantes do PP e do PSOE, si estivo presente o alcalde, Manuel Requeijo, en apoio aos veciños e veciñas, ademais doutros membros do equipo de goberno.

Actualmente están interpostos recursos de reposición por parte da veciñanza, organizacións ambientalistas e o SLG, nos que solicitamos a suspensión da autorización da actividade mineira por parte da Xunta de Galicia, para a cal non consta ademais a existencia dunha licencia municipal.

“Como xa temos denunciado en reiteradas ocasións, son múltiples as irregularidades presentes na mina San Acisclo, comezando porque esta concesión e o seu proxecto encádranse na Proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia (Decembro 2011), vulnerando a Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres”, din dende o SLG.

“Aliás, a zona a explotar está situada na área de amortecemento e no contorno de protección do ben do patrimonio cultural de Galiza denominado Mámoa do Chao do Navallo -catalogado con código GA27033036-, e que non conta cos necesarios informes de Augas de Galicia, nin con Estudo de Impacto Ambiental.”, engaden.

Afirman que esta concesión mineira vén acumulando irregularidades dende a súa solicitude na década dos noventa. “De feito, a semana pasada alertamos tamén da presenza de maquinaria na zona, malia non contar con licencia municipal”, din.