Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta continúa coas súas reunións nas parroquias e colectivos

Por 8 Marzo, 2023Sin comentarios

Vilalba Aberta segue sumando parroquias no seu proceso de escoita do rural vilalbés. Así, e despois das xuntanzas en Santaballa; Nete; Ladra; Oleiros; Carballido; Corbelle; Belesar; San Simón; Lanzós; Árbol e Bordelle, a formación achegouse a Sancovade para celebrar a 12ª parada da súa iniciativa Rede de Parroquias.

Á reunión, fixada para este martes 7 de marzo ás 20h no local social, seguiranlle outras dúas – apalabradas xa – no marco dunha serie de encontros deseñados co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza do rural vilalbés e incorporalas, logo, á axenda política da corporación.

O seu candidato á alcaldía, Modesto Renda, puxo en valor o imprescindible de facer política “escoitando aos veciños do rural” e animou á veciñanza de Sancovade a participar achegándose o martes á Casa Escola. Así mesmo, Renda non quixo deixar pasar a oportunidade para  trasladar o seu “profundo agradecemento á directiva da asociación de veciños da parroquia” por permitir facer posible este novo encontro.

ANPAS

Vilalba Aberta segue sumando colectivos ao seu proceso de escoita de entidades e asociacións. Así, e despois da visita ao Hospital Asilo, a formación reuniuse este luns coas Asociacións de Nais e Pais co fin de recoller de primeira man as súas demandas.

A igualdade de trato por parte do Concello para cos distintos centros; o necesario mantemento municipal das instalacións educativas ou a posibilidade da posta en marcha de Camiños Escolares Seguros ao estilo do que xa está a funcionar noutras vilas, centraron unha xuntanza que dende VA cualificaron de “didáctica e produtiva”.

O candidato á Alcaldía da formación , Modesto Renda, puxo en valor o imprescindible de facer política “escoitando a todos os sectores da sociedade civil vilalbesa” e animou a todas as entidades e asociacións a contactar co VA.

Un chamamento compartido pola responsable de organización e Nº 4 da Candidatura de Vilalba Aberta, Mónica González, quen non quixo deixar pasar a oportunidade para  trasladar o seu “profundo agradecemento” ás directivas das ANPAS representadas por permitir facer posible este novo encontro.