Skip to main content
Ribadeo

A Escola de Música de Ribadeo contará cun novo sistema de aerotermia

Por 1 Abril, 2023Sin comentarios

O Concello de Ribadeo solicitou unha axuda para a mellora da eficiencia enerxética na Escola de Música na que se instalará un novo sistema de aerotermia. E pediu outra partida para substituír e poñer lámpadas LED en varias rúas da vila, segundo deu a coñecer a concelleira de Obras, Mónica Freire.

A edil ribadense explicou que “o Concello de Ribadeo vén de solicitar unha axuda para a mellora da eficiencia enerxética na Escola de Música instalando un novo sistema de aerotermia. Basicamente consiste na substitución dun obsoleto sistema de gasóleo, nada eficiente e fóra da súa vida útil e que ocasiona constantes problemas de mantemento, ademais da obvia contaminación desde tipo de sistema, por este novo de aerotermia. O orzamento ascende a un total de 211.033,97 euros e esta axuda foi solicitada a través do Fondo de Cooperación Local”.

Mónica Freire contou que “tamén fixemos unha solicitude a través do Fondo de Compensación Ambiental para equipamento, concretamente para lámpadas de alumeado público con criterios LED para substituír na Avenida Ría de Ribadeo, na Avenida de Galicia, na rúa José Vicente Pérez Martínez, na Avenida de Asturias e na rúa Ramón González. O investimento total é de 16.444,05 euros e inclúe este material e tamén o traballo do electricista municipal para substituír as lámpadas”.

A concelleira de Obras engadiu que “unha vez feitas estas solicitudes nos vindeiros meses saberemos si o Concello de Ribadeo é beneficiario destas dúas axudas e no caso de recibir unha resolución favorable poder seguir traballando na mellora da eficiencia enerxética”.