Skip to main content
Lugo

A maxia das parroquias: Santa María Madalena de Coeses

Por 7 Abril, 2023Abril 8th, 2023Sin comentarios

A parroquia de Santa María Madalena de Coeses está situada a nove quilómetros ao sur da cidade de Lugo, sobre a ribeira do río Miño, e está formada por oito núcleos de poboación. Cun total de 182 habitantes os núcleos máis poboados son Ceza, Fontemaior, Portanova e Vilalvite que aglutinan case 140 habitantes.

Nesta parroquia, durante os anos 2011 e 2013 no marco das obras para a construción da autovía que conecta Lugo con Santiago, foi documentado no lugar de Ventosiños un castro único de construción morfolóxica anular que mide uns sesenta metros de diámetro. A raíz deste achado o trazado da autovía foi modificado para preservar estes restos arqueolóxicos.

A cronoloxía data este xacemento entre os séculos XI e IX a.C. segundo as datación radiocarbónicas obtidas, estas datas corresponde co final da idade de Bronce. Durante as campañas de escavación realizadas completouse un total de 1946 rexistros, na súa maioría correspondentes con restos cerámicos pero tamén se atoparon elementos metálicos, un colgante de vidro e unha moeda.

En Coeses atopamos a igrexa parroquial de Santa María Madalena de Coeses, unha construción ampla que conta cun atrio con cemiterio ao seu redor. A nave principal, a dúas augas e cuberta de lousa esta feita cunha estrutura de madeira e dúas ventás en cada lateral.

O presbiterio, no mesmo plano ca nave e con maior altura ten unha cuberta sobre madeira a catro augas, e conta con dúas sacristías nos laterais máis baixas. No seu interior o retablo maior, de grandes proporcións é de estilo neoclásico, do século XIX, e o retablo do lateral é de estilo renacentista, con influencia barroca do século XVII.

Ademais do castro e da igrexa parroquial, un dos principais reclamos desta parroquia é a capela das Virtudes emprezada en medio dunha arborada e situada no límite coa parroquia de San Mamede de Rivas de Miño. Esta capela conta cun cabido, a dúas augas, que da acceso ao interior a través dun gran arco central e dous laterais.

A construción é de planta rectangular e no seu interior garda un retablo barroco, unha imaxe da Nosa Señora das Virtudes e unha pintura xa moi deteriorada a causa da humidade.

A principios do século XX os habitantes de Coeses celebraban unha romaría onde os devotos recollían a auga do río que estaba considerada milagrosa. Está consideración debíase a que se cría que en certa ocasión pasara por alí a Virxe co seu fillo en brazos, e cando tiña sede baixara a beber naquel lugar.