Skip to main content
Lugo

A USC investirá 4,6 millóns nunha central de biomasa no Campus Terra

Por 5 Abril, 2023Sin comentarios

A USC proxecta reforzar a aposta do Campus de Lugo polas enerxías renovables coa posta en marcha dunha central de biomasa con capacidade para satisfacer as necesidades de enerxía calorífica que actualmente subministran 20 salas de caldeiras de gas natural e gasóleo. A intervención anunciada pola USC prodúcese logo de que o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, resolvera financiar con preto de 2,5 millóns de euros do programa NextGenerationUE da Unión Europea o proxecto xa solicitado pola USC en novembro de 2022.

A nova infraestructura, que está prevista levantar nunha parcela situada entre a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC e a Avenida Pablo Iglesias, será a única actuación galega beneficiaria das axudas a redes de frío e calor baseadas en fontes de enerxías renovables outorgadas polo IDAE a través do programa Renored, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, segundo se recolle na resolución da convocatoria publicada o pasado 29 de marzo.

O proxecto validado agora para o seu financiamento con fondos europeos, consiste nunha central térmica alimentada de biomasa que distribuirá a enerxía producida aos edificios do campus de Lugo mediante unha rede de tuberías que trasladará a auga quente que servirá para caldear as distintas instalacións universitarias.

O orzamento inicial deste proxecto pioneiro no Sistema Universitario Español ascende a 4.650.192,75 euros, dos que 2.480.971,01 euros serán aportados polo IDAE, segundo figura na resolución emitida polo organismo ministerial, na que tamén se fixa o 31 de outubro de 2025 como data límite de execución. Esta actuación, subliña a USC, requirirá da colaboración e do diálogo coa Deputación Provincial de Lugo e co Concello de Lugo, dadas das súas implicacións urbanísticas e patrimoniais.

Potencia e rede de calor

A futura central de biomasa prevista no Campus de Lugo está proxectada para proporcionar unha potencia de entre 0,25 MW e 4,95 MW. Esta infraestrutura enerxética estará conectada cunha rede de calor estruturada en 3 liñas de distribución de tuberías que chegarán a nove centros universitarios.

Así, unha liña conectará a central co hospital veterinario Rof Codina, Ibader, e as facultades de Veterinaria e Administración e Dirección de Empresas. A segunda canle unirá a central térmica co complexo que acubilla a Biblioteca Intercentros e os servizos administrativos, o edificio de apoio á investigación (Cactus), a Facultade de Ciencias e as dependencias da residencia universitaria Bal y Gay. Completa a rede de calor desta central térmica unha terceira liña que abastecerá de enerxía calorífica a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e o Complexo Docente, un edificio no que están emprazadas a Facultade de Humanidades e as escolas de Enfermaría e Relacións Laborais, e ao que tamén está previsto trasladar a Facultade de Formación do Profesorado.

Eficiencia e redución de emisións

A posta en marcha da central de biomasa aumentaría e melloraría a actual eficiencia enerxética, dado que a produción de enerxía nunha instalación única e a gran escala resulta máis óptima que a que se acada nas actuais vinte salas de caldeiras. Asemade, o emprego dunha fonte de enerxía renovable como é a biomasa implicaría unha sensible redución do uso de gasóleo e gas natural e, polo tanto, do volume de emisións de gases de efecto invernadoiro.

A USC estima senso que a nova planta permitiría reducir as emisións anuais de gases en 1.697 toneladas de CO2, unha contía calculada a partir dunha produción anual máxima de 6.323 MWh, que se antolla suficiente para cubrir as necesidades de calor de todo o campus.

En termos económicos, a biomasa reportaría un aforro do 48% respecto dos gastos actuais derivados do consumo de combustibles fósiles, cuxo custe supera os 658.000 euros anuais. A estas cifras estimadas cómpre sumar tamén unha sensible diminución dos gastos de mantemento, que, ao tratarse dunha instalación centralizada e máis eficiente, menguarían arredor dun 40%.

Outras das vantaxes que reportará a central de biomasa proxectada no Campus Terra están relacionadas coas posibilidades de aproveitamento e explotación sustentable dos recursos, o que favorece a economía circular. Asemade, ao tratarse dunha infraestrutura enerxética dunha sede universitaria na que se imparten graos e másteres do ámbito ambiental e forestal, a posta execución deste proxecto tería unha dimensión divulgativa,dado que a súa sala de caldeiras permitirá a visita e a realización de actividades formativas por parte do alumnado.