Skip to main content
Lugo

Isabel Rodríguez demanda traballo coordinado para dar resposta aos problemas de saúde mental

Por 27 Abril, 2023Sin comentarios

A subdelegada inaugurou as “I Xornadas de prevención e sensibilización do suicidio e novas adiccións na xuventude”, organizadas por Alar Galicia.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, subliñou hoxe que “a saúde mental debe ser un obxectivo prioritario das políticas públicas das administracións e, polo tanto, debe formar parte da axenda pública para visibilizar, acabar cos estigmas e tabús que existen ao redor desta realidade, poñendo voz a un problema que levaba moito tempo oculto”. A subdelegada fixo esta afirmación durante a inauguración das “I Xornadas de prevención e sensibilización do suicidio e novas adiccións na xuventude”, organizadas por Alar Galicia na Delegación Territorial de Lugo. No acto tamén participaron o presidente da asociación, Fernando González; o delegado territorial, Javier Arias; e a secretaria de Igualdade, Susana López.

Neste senso, Isabel Rodríguez advertiu que o suicidio é a primeira causa de morte externa no noso país dende o ano 2008, por encima dos accidentes de tráfico; e a primeira causa de morte nas persoas máis novas. “Un asunto tan serio e desafortunadamente con tanta incidencia na nosa sociedade como é o suicidio temos que tratalo como un problema de saúde pública. E como tal, nos incumbe a todos. A súa prevención require do traballo conxunto e coordinado de profesionais da saúde, a educación, familias e administración”, remarcou.

“Nesta liña temos que seguir traballando, desenvolvendo medidas que dean prioridade á detección precoz deste risco, e mellorando o acceso e a asistencia nos servizos sanitarios públicos. Construíndo unha sociedade que lle plante cara a unha cuestión de Estado”, manifestou Isabel Rodríguez.

Atención telefónica os 365 días do ano

Na súa intervención, a subdelegada lembrou que está a disposición da cidadanía a Liña 024, de Atención á Conduta Suicida, que funciona as 24 horas do día, os 7 días da semana, os 365 días do ano. É gratuíta, accesible, inmediata, confidencial e está atendida por persoas expertas, para dar apoio tanto ás persoas que poidan ter condutas suicidas como aos seus familiares e achegados.

Por outra banda, Isabel Rodríguez fixo fincapé nas novas adiccións na xuventude como as redes sociais, os videoxogos ou as apostas online, que están a xerar un problema social moi preocupante. Neste eido, apuntou que o uso responsable das novas tecnoloxías e de internet é fundamental non só para previr a adicción a elas, senón tamén para educalos nun correcto uso das mesmas, fomentando o pensamento crítico e o consumo responsable.

Alar Galicia

A subdelegada puxo en valor o traballo da asociación, sensibilizando e informando á poboación, combatendo estereotipos, ofrecendo testemuños e dando apoio ás vítimas e familiares.

XUNTA DE GALICIA

A secretaria xeral da Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participaron na apertura destas sesións.

López Abella explicou que a Confederación de Saúde Mental de España no seu informe de 2018 xa advertía que a causa do 25% dos intentos de suicidios en mulleres estaba na violencia de xénero. Por iso, destacou a importancia de seguir reforzando e ampliando os recursos dirixidos a axudar ás vítimas de violencia machista e de concienciar á sociedade sobre esta problemática desde idades temperás.

Neste senso, puxo en valor o proxecto Fénix que financia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, xa que se centra na realización de medidas de prevención e intervención integral con menores agresores de violencia de xénero.

O programa aborda aspectos fundamentais para a recuperación destes menores con actuacións encamiñadas a educar no recoñecemento emocional e a súa xestión; promover a modificación das crenzas e pensamentos que se empregan para xustificar as condutas agresivas a través de técnicas de reestruturación cognitiva; realizar xogos de roles para fomentar a empatía de cara á familia; introducir melloras no funcionamento psicolóxico dos participantes; e traballar na prevención do suicidio e as adiccións neste colectivo social.

Pola súa banda, Arias subliñou o incremento das mortes por suicidio nos últimos anos e a importancia de que o Goberno galego desenvolva, en colaboración con asociacións como Alar Galicia, programas de prevención e de atención ás persoas afectadas. Neste senso fixo fincapé no proxecto Voitheia, que traballa con persoas con tendencias suicidas e cos grupos máis próximos.

O delegado tamén apuntou que o Goberno galego seguirá colaborando de forma transversal co tecido asociativo e coa implicación directa das consellerías Emprego e Igualdade; Política Social; Cultura, Educación e Universidades e coa Consellería de Sanidade, directamente involucrada no tratamento e a prevención das condutas suicidas, coa entrada en funcionamento das unidades de atención profesional a persoas en risco de suicidio e tamén coa apertura dos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil.