Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Galicia rexistrou o mes de marzo máis cálido desde 2012

Por 11 Abril, 2023Sin comentarios

As precipitacións non se afastan demasiado da normalidade debido á chegada de numerosas borrascas ao longo do mes.

Galicia rexistrou un mes de marzo moi cálido e lixeiramente húmido segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia.

Marzo é un mes de transición entre o inverno e a primavera, no que as situacións adoitan ser cambiantes. E, nesa liña, as temperaturas estiveron en xeral por riba do agardado, con zonas amplas da Comunidade nas que non se afastaron moito da normalidade, e as chuvias tamén presentan bastante variabilidade, con zonas nas que choveu en exceso, pero outras que quedaron por debaixo do normal

Deste xeito, as temperaturas estiveron por riba dos valores normais nun mes tan cambiante como este, xa que comezou moi frío, pero as situacións anticiclónicas posteriores deixaron rexistros moi altos. De feito, a temperatura media situouse 1,2 graos por riba do esperado, o que supón que fose o marzo máis cálido desde 2012.

Máis polo miúdo, o valor medio das temperaturas máximas foi de 15 graos, rexistrándose os valores máis altos nos vales do Sil e do Miño de Ourense con valores próximos aos 19,9 graos. No caso das mínimas, no macizo de Manzaneda, Pena Trevinca e na comarca da Limia acadáronse os -0,1 graos.

En canto as precipitacións, non se afastan demasiado da normalidade debido á chegada de numerosas borrascas ao longo do mes. Así, a media rexistrada nas 16 estacións meteorolóxicas representativas foi un 9% superior ao valor climático normal, polo que se considera un mes lixeiramente húmido. Os datos reflicten un exceso de precipitacións nalgúns puntos -Pontevedra e sur da Coruña- e un déficit no resto da Comunidade, provocado pola persistencia dos ventos do suroeste.

En concreto, a precipitación media acumulada foi de 131 litros por metro cadrado, rexistrando os valores máis elevados nas comarcas do Sar, Xallas e Barcala con ata 571 l/m2. Pola contra, as zona máis secas de Galicia localízanse no litoral da Mariña de Lugo e nalgunhas localidades da comarca de Valdeorras con acumulados de tan só 9 l/m2.