Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Os gandeiros sairán á rúa polos baixos prezos e o recorte das axudas

Por 16 Abril, 2023Sin comentarios

A Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema convocan unha manifestación para o vindeiro martes 18 en Lugo. Será nunha manifestación que partirá ás 11.30 horas do Polígono industrial das Gándaras para percorrer as principais rúas da cidade, como a avenida da Coruña ou a Rolda da Muralla, e rematar diante da sede da Subdelegación do Goberno e do edificio administrativo da Xunta de Galicia, onde os gandeiros teñen intención de permanecer despois de xeito indefinido.

“Non temos nin prezo nin axudas”. Con esta frase resume Santiago Rego, presidente da asociación a situación na que se atopa o sector produtor de carne de vacún e os motivos que levan aos produtores amparados pola IXP Ternera Gallega a convocar accións de protesta a partir do martes 18 de abril.

As protestas están organizadas pola Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que foi a lista máis votada nas recentes eleccións á IXP Ternera Gallega, aínda que o presidente do colectivo convocante móstrase aberto a que participen outras organizacións. “Non pechamos as portas a ninguén nin excluímos a outros colectivos que se queiran sumar, porque nós o que estamos defendendo é ao sector no seu conxunto”, afirma.

Entre os motivos desta convocatoria están “os baixos prezos, os altos custos de produción e o recorte nas axudas da nova PAC”. “O problema de baixos prezos non se resolveu, seguimos sen chegar aos custos de produción, que a propia Xunta fixou, con datos do 2021 que xa están obsoletos, en 6,20€ por quilo, cando neste momento os prezos de venda móvense entre 5,70 e 5,80 euros/kg”, explica Santiago Rego.

Os gandeiros séntense “atrapados nun sistema dominado polos matadoiros e a distribución” no que non teñen “ningún tipo de marxe de manobra”. “Existe unha presión enorme da industria, por parte de distintos operadores, para que asinemos contratos con cláusulas que din que os prezos que nos pagan cubren os custos de produción, tal como establece a Lei da Cadea Alimentaria, cando non é certo, pero se non os asinamos ameázannos con non levarnos os becerros”, denuncian.

Do mesmo xeito, quéixanse de que non existe por parte nin da Xunta nin do Ministerio control de ningún tipo sobre os custos de produción, dado que “os cereais pegaron unha baixada significativa pero o prezo do penso séguennolo cobrando a 500€ a tonelada”, din.

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla, que reúne a produtores de leite das provincias de Lugo e A Coruña, mostra a súa solidariedade cos produtores de carne e acudirá o vindeiro martes 18 á manifestación que a asociación Gandeiros Galegos da Suprema ten convocada polas rúas de Lugo.

Desde Agromuralla comparten os motivos que levan á convocatoria das protestas: “as granxas de leite entendemos perfectamente os motivos que levan aos produtores de carne a manifestarse ante a situación actual de prezos baixos e altos custos de produción que están a sufrir”.

“Estamos todos no mesmo barco, porque unha parte dos ingresos das granxas de leite proceden tamén da venda de carne, tanto vacas de desvelle como becerros”, afirma Agromuralla, que pide aos seus asociados que acudan á manifestación deste martes.

Agromuralla insiste en que “a Lei da Cadea Alimentaria segue sen protexer aos produtores primarios”. “Durante anos sufrimos nos prezos do leite a mesma situación que están a vivir hoxe os nosos compañeiros produtores de carne”, asegura Agromuralla, que esixe unha “actuación decidida” das Administracións, tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura.

Agromuralla considera que tanto os produtores de leite como os de carne están en “desvantaxe ante as industrias lácteas e o matadoiros á hora de vender os seus produtos”. “Os gandeiros non temos capacidade ningunha de negociación dos contratos, demostrouse agora claramente na renovación dos contratos lácteos, cunha baixada unilateral por parte das industrias e o mesmo acontece coa compra das vacas e os xatos por parte dos matadoiros”, din.

Dende Agromuralla engaden que “a nova PAC para o período 2023-2027 segue sen beneficiar a Galicia, pois a maioría dos cartos seguen a ir para Andalucía, Estremadura e Castela-A Mancha cando a maior parte da produción gandeira está no norte de España”, asegura Agromuralla, que denuncia ademais que “o reparto de fondos segue sen primar aos produtores profesionais que viven en exclusiva da actividade agrogandeira”.

Finalmente, Agromuralla critica a decisión das grandes superficies comerciais de “reducir os prezos dos alimentos a costa de castigar aos produtores”. “Todos sabemos que as multinacionais da alimentación e as cadeas de supermercados non son ONG, senón que están para gañar cartos, os anuncios de baixadas de prezos son propagandísticos, destinados a enganar aos consumidores, pero a carga final desas medidas ímolas pagar coma sempre os produtores de base”, denuncian.