Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXAQuiroga

Santiago Morillo, da Asociación de Veciños de Parteme: “Só pedimos o básico, o que é noso”

Por 9 Abril, 2023Abril 10th, 2023Sin comentarios

Falamos con Santiago Morillo, tesoureiro da Asociación de Veciños de Parteme de Quiroga, que leva meses denunciando a situación que viven na parroquia.

Como xorde esta asociación veciñal?

Esta asociacion de veciños xorde hai máis ou menos cinco anos para o tema de xestión da auga do pobo, alí en Parteme que temos un pozo que é co que abastecemos á poboación que vive en Parteme e xestionar todo iso requería organización e orde e por iso se decide facer a asociación.

Que obxectivos ten?

Actualmente, os obxectivos que ten esta asociación é a mellora do pobo de Parteme. Hai 2 anos que o meu tío me pide axuda porque o goberlo local do Concello non lle escoitaba nin o pedáneo do pobo facía as cousas que os veciños necesitaban e ao ser “carne fresca”, poderiamos darlle impulso ao entrar nela.

Así, modificamos os estatutos da asociación para ter máis competencia ademais de xestionar a auga do pobo e actualmente temos tres posicións, o presidente, o secretario e o tesoureiro, despois temos socios colaborativos.

Neste momento estaremos sobre 50 persoas, incluso persoas doutros países, temos xente de Iuta, EEUU, en Alemania, Francia, Reino Unido, en España en diferentes comunidades autónomas.

Desde a Asociación de Veciños de Parteme as nosas iniciativas son simplemente, para que vexas o pouco que pedimos, ter o básico, e a partir de aí ir mellorando, pero o primeiro é o básico.

Haberá xente que se pregunte por que unha persoa de Iuta pode facerse socio desta asociación, pero todo xorde cando o ano pasado saíu algunha noticia das que comunicamos por redes sociais nas que acometiamos melloras no estado da parroquia, que se atopaba… era desastroso, as rúas todas sucias, parecían lameiros, entón esa xente viuno e a través de xente que nos sacou en redes sociais intentaron contactar con nós e o conseguiron e dixeron que querían colaborar con esta xente que miraba polo ben dos pobos.

Todos os políticos falan da España vaciada, pero ao final no rural vémonos sós

É evidente que todos os políticos falan da España vaciada, da Galicia vaciada e de todo o vaciado que está o rural, pero ao final no rural vémonos sós. E ves como xente doutros países que igual ten unha mentalidade propensa a manter o rural e apoiános. Aquí fálase moito do rural, pero non se fai nada.

Nós no seu día fixemos un escrito ao Concello de Quiroga pedindo apoio porque sabemos que hai Concellos que dan axudas ás asociacións de veciños a través dunha partida orzamentaria, entón nós fixemos un escrito dicindo que se tiñan algunha partida da Xunta para asociacións, que nos tiveran en conta.

A día de hoxe non temos resposta nin dese escrito nin dos máis de 20 que lles enviamos.

Por parte da Xunta, Deputación… tampouco temos ningunha axuda, pero imos poñelo entre comiñas, porque hai días puidemos falar coa Deputación de Lugo grazas á acción da Federación de Veciños Lucus Augusti de Lugo, a través de Jesús Vázquez. Así, puidemos falar con Pilar e comentámoslle os nosos problemas e pola súa parte xa empezamos a ver movemento, temos o seu apoio.

Tamén dicir que o PSOE de Quiroga, tamén está con nós, e o BNG de Quiroga incluso se achegou ata Parteme para ver a situación.

Coa Xunta non temos contacto aínda, pero estou seguro que coa situación que estamos vivindo tamén teremos contacto. Pero axudas de institucións, ninguna.

Vemos anuncios nos xornais de que as asociacións de veciños teñen unha importancia moi grande, que veñen cartos dun lado e do outro, pero non sei como pedilo nin como facelo, porque o importante para unha asociación de veciños é darlle facilidades porque a xente que as conforma traballa e non ten tempo e este tipo de xestións levan moito tempo e é importante que nos faciliten as xestións, as axudas e estou convencido de que facendo ese traballo todo irá mellor.

Hai entón mellor relación entón coas agrupacións políticas de esquerdas?

Non é que haxa unha relación mellor ou peor cuns ou con outros, nós só queremos que nos escoiten e nos fagan caso, non é ser dun partido ou doutro, é ser do pobo de Parteme, que polo menos teñan interese por coñecer as inquedanzas e as necesidades e a partir de aí xa veremos que se pode facer.

Iso é o que botamos de menos do Partido Popular de Quiroga e neste caso é o alcalde o que nos nega a voz, chegando a dicir que non somos de Parteme, que non somos de Quiroga, iso é que nos está defraudando.

Estamos totalmente indignados con que cheguen partidas da Deputación de Lugo que non se chegan nin a executar.

Nós temos partidas do Plan Único para limpeza e desbroce dos camiños, pero somos os propios veciños os que temos que facer eses labores.

Que máis necesidades teñen os veciños de Parteme?

Por outro lado, pedímoslle que nos abra a parte baixa do pobo. Temos un camiño público que lle aportaría á maior parte do pobo a levar gasoil, o poder levar leña, poder entrar unha ambulancia, ou poder evacuar o pobo no caso de incendio… é un camiño público que se está deixando que se peche.

O ano pasado tivemos que pagar 800 euros dunha máquina para desbrozar os camiños, do noso peto. O ano pasado fixemos varias actuacións varias fins de semana xuntándonos xente do pobo para limpar rúas, temos os desaugadoiros que desembocan en dous camiños atopándose tales camiños nun estado nefasto, intrasitables.

Non temos fosas sépticas, tanto as fluviais como as locais saen a un camiño e levamos moitos anos reclamando as fosas sépticas. Chegou a dicirnos un concelleiro que os desaugadoiros e o saneamento de Parteme non pertencían ao Concello, pero nos consta que non somos o único Concello ao que se lle dixo iso, tamén a Vilaster, do Concello de Quiroga, dixéronlles o mesmo. Estamos nunha situación na que nin os servizos básicos están a respectar.

Tamén hai que dicir que as asociacións estanlle dando aos Concellos unha grande axuda porque lles dá información sobre como se atopan as parroquias, que é un aforro de cartos para o goberno local. Non é o mesmo que eles teñan que gastar recursos e ir revisando as parroquias a que os pobos che dean ese estado de como se atopan e só teñan que ir a executar, pero como podes ver no noso caso, non nos fan caso de nada.

A sensación que temos en varias reunións que tivemos é que queren que morran os pobos, é a sensación que dá, non queren que a xente nova aposte polos pobos nin teña ilusión.

Non sei se se dan conta os políticos galegos de que toda a xente galega que está polo mundo todos vimos do rural. E estanse cargando a nosa esencia, o que somos galegos, somos do rural, estanse cargando a nosa identidade, o noso ADN.

Eu no meu caso tiven que emigrar, estiven fóra, pero volvín e a miña ilusión e volver a onde son, de Parteme, eu gasto os cartos en Parteme, en arranxar o meu pobo. E férveme o sangue cando vexo que eles, os que non terían que apoiar, quen ten que apostar polo rural, son os que nos están destruíndo.

O que lle pido á xente é que fale, porque coma min hai moitos, hai moita xente nova que se rinde porque no meu caso levo dous anos pico e pala e non me rindo, pero eu coñecín xente con inquedanzas como as miñas pero que se rendiron.

Necesitamos que se nos escoite. Créanme cando lles digo que se nos escoitaran aforraríanse moitísimos cartos e non o queren facer. Simplemente pedimos o noso. Non podemos desenfocar a realidade e dicir que somos valentes, simplemente pedimos o que é noso, nin máis nin menos, o que todo o mundo debería pedir.

É necesaria a relacións con outras asociacións?

Eu creo que é moi necesaria a relación con outras asociacións, que falemos entre nós e nós tamén queremos axudar a que consigan o mesmo que pedimos nós.

Que proxectos teñen no futuro?

Medrar en socios, socios colaborativos que axuda moito a poder pagar gastos de viaxes, papeleos, para pagar a desbrozadora… Estamos ilusionados e eu manteño a esperanza de que a Deputación e a Xunta, como o futuro Concello; que agora son as eleccións e teremos un novo alcalde; nos axuden.

Mantemos a esperanza de que nos escoiten e que nos axuden porque o poder do veciño é unha vantaxe para o que goberna, que se vai aforrar diñeiro ao poder optimizar recursos, polo que estamos moi ilusionados.

Honestamente, penso que o partido que saia elixido nas eleccións de maio se vai interesar polos pobos e esperando a ver que sucede.