Skip to main content
Folgoso do Courel

A aldea modelo de Moreda, no Courel, terá como actividade principal unha explotación de porco celta

Por 2 Abril, 2023Sin comentarios

O conselleiro do Medio Rural, José González, achegouse ao Concello de Folgoso do Courel para poñer en valor acompañado as distintas actuacións de recuperación e anticipación aos incendios forestais levadas a cabo.

Acompañado da alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, o conselleiro sinalou que o seu departamento puxo en marcha diversas obras de emerxencia para recuperar os montes afectados polos lumes do verán de 2022 en Galicia.

Aquí no Courel, dixo, a Consellería destinou preto de 800.000 euros en traballos de mulching (acolchado) de palla, acondicionamento de pistas forestais e outras actuacións. Precisamente, os traballos de solta de palla executáronse no seu día de acordo coas indicacións dos técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, que previamente realizaron a inspección, avaliación e localización das áreas de actuación preferente.

Ademais, o titular de Medio Rural tamén fixo referencia á retirada da madeira comercial queimada. Así, sinalou que se están rematando as poxas de madeira procedente dos montes de xestión pública.

Novas axudas

Así mesmo, José González sinalou que, en breve, sairá unha nova liña de axudas que complementará ás anteriormente citadas para garantir a replantación de soutos de castiñeiros afectados por eses lumes do pasado verán.

No tocante a medidas a medio e longo prazo, expuxo que a recuperación de soutos de castiñeiros -o primeiro que se executará será o Souto de Vilar- e a implantación de actividade agrogandeira tradicional en extensivo -como a actuación levada a cabo no pasto de Seceda- permitirán evitar incendios forestais e protexer os núcleos de poboación.

Aldea modelo de Moreda

No transcurso da visita a este concello lugués, o conselleiro achegouse á aldea modelo de Moreda, clave para a dinamización do rural e a anticipación aos incendios forestais.

Esta aldea conta cunha superficie de 38,86 hectáreas, con 73 parcelas de 44 propietarios.

A súa futura actividade produtiva rexerase entre o aproveitamento gandeiro en extensivo, combinado con outras actividades como apicultura, cultivo de produtos de horta e árbores froiteiras. En concreto, implantarase como actividade principal unha explotación de porco celta ecolóxico en extensivo.

Con iniciativas coma esta conséguese loitar contra o abandono das terras, anticiparse aos incendios forestais e fixar poboación no medio rural que permita facer rendible a actividade produtiva co aumento da base territorial das explotacións.