Skip to main content
Folgoso do Courel

Caurel Vivo denuncia que un ano despois de arder o Courel, aínda non chegaron as axudas prometidas

Por 11 Abril, 2023Sin comentarios

Caurel Vivo denuncia que, despois dun ano de que ardera o Courel, “a realidade é que poucas foron as axudas que chegaron, só algunha migalla para afectados directos en vivendas”.

Explican que despois de que arderan os bosques do Courel durante o verán de 2022, “anunciáronse axudas millonarias para o Courel, tanto desde o Goberno Central como desde a Xunta de Galicia”. Incluso argumentan que lles visitaron conselleiros, delegados, e presidentes “usando o Courel para promocionarse e dando unha falsa imaxe de apoio neses momentos tan difíciles”.

Porén, sosteñen que “os afectados no turismo, apicultura, gandería, autónomos e donos das terras o único que recibiron foron doacións de particulares”, a pesar de que ardeu o 60% do Concello de Folgoso do Courel.

Reforestación dos bosques

Por outra banda, din que este ano anunciouse a reforestación de zonas por parte da Xunta, que é a que ten as competencias en Montes, pero “de momento, o único que se prantou foi de forma altruísta por parte da veciñanza e voluntarios, con doacións de castiñeiros e froiteiras”.

Ademais, denuncian que “estamos case un ano máis tarde do desastre e podemos ver como a meirande parte da palla que a Xunta usou para sacar a foto, podrece nas cunetas, como a dos arredores da Aldea de Froxán”.

Por isto, Caurel Vivo pregúntase “onde están os cartos públicos e para que se usan desde as administracións”.