Skip to main content
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón destinará 35.000 euros da subvención de Territorio Cultura para actividades culturais

Por 28 Abril, 2023Abril 29th, 2023Sin comentarios

O Concello da Pobra do Brollón informa de que conseguiron a subvención de Territorio Cultura para destinar a actividades culturais por un valor de cun total de 35.000 euros.

O Concello da Pobra do Brollón informará proximamente sobre as actividades ás que se destinarán os fondos conseguidos, pero anticipa que son moitas e variadas, dirixidas a un público moi diverso de todas as idades: concertos, obradoiros infantís, charlas, foliadas, artes plásticas…

As actividades responden á política cultural que dende hai anos está a desenvolver o Concello, baseada na participación cidadá, na descentralización, na alta presenza de mulleres e na creación de estrutura económica arredor das redes culturais.

“As bases da subvención de Territorio Cultura recollen o que levamos facendo de xeito autónomo nos últimos anos. É unha forma de ver a cultura que nos sae de xeito natural,” afirma o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

A Pobra do Brollón foi o terceiro concello mellor puntuado entre os 27 concellos que solicitaron a subvención e un dos catro concellos aos que finalmente se lles concedeu. Trátase dunha liña de subvencións xestionada pola Xunta de Galicia a través da Agadic, ao amparo do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation.