Skip to main content
Quiroga

Este venres comeza a Feira do Viño de Quiroga, que contará con múltiples actividades

Por 5 Abril, 2023Abril 6th, 2023Sin comentarios

Este venres comeza a XLI edición da Feira do Viño, que durará ata o domingo, 9 de abril, que tamén acollerá a celebración da XXII Mostra do Aceite.

Estes eventos contarán con dispositivos de seguridade, como informou a xunta local de seguridade, que examinou as previsións existentes para os dous eventos, así como os lugares que poden resultar máis conflitivos pola posible aglomeración de persoas e vehículos, polo que se coordinou o labor que desenvolverán os distintos corpos de seguridade e de emerxencia para previr incidencias con motivo destes eventos.

Programa feira do viño Quiroga

O venres día 7 comezará a xornada na que se poñerá de manifesto a viticultura heroica. Pola mañá, falarase nunha mesa redonda aberta sobre este tipo de viticultura. O embaixador do Cervin encargarase de realizar unha conferencia ás 10.00 horas.

A continuación, presentaranse as adegas da D.O. Viños Canarios, participantes na xornada.

Pola tarde, terá lugar un “Túnel do Viño”, que contará cos alumnos do ciclo formativo de Servizos da Escola Belarmino Fernández Iglesias de Sober, que farán as funcións de sumiller, e que estará acompañado dunha cata oficial dos viños canarios na Praza Maior ás 17.00 horas.

Unha hora máis tarde, ás 18.30 horas, haberá unha degustación dos viños das adegas El Lomo (D. O Islas Canarias), Comarcal de Güimar (D.O Güimar) e Domínguez Cuarta 4 Generación (D. O Tocorante- Acentejo).

A xornada rematará cunha actuación musical a cargo de membros da antiga Tuna Lucense.

O sábado, 8 de abril, tras a inauguración da feira polo Vicepresidente 2º e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso, comezará o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, na que máis de 400 gaiteiros actuarán no Auditorio Municipal tras desfilar pola rúa Real.

A partir das 17.00 horas, a praza España acollerá un espectáculo para os máis pequenos, o teatro “Mister Blue”, a cargo de Teatro Tombuctú; que tamén volverá actuar o domingo a mesma hora.

A partir das 18.00 horas, o recinto feiral estará animado pola charanga Mil9 e o Auditorio Municipal acollerá a partir das 19.00 horas as actuacións da Coral Polifónica de Quiroga e dos grupos de danza San Martiño e Arume da Queiruga.

Ás 20.30 horas será o momento máis agardado da xornada, cando o polifacético Carlos Sobera se encargue do pregón. Este actor, presentador de tv, exprofesor universitario e empresario teatral cunha ampla traxectoria profesional en teatro e televisión será presentado pola xornalista Tania Taboada, reporteira en “Espejo Público” e por José Manuel Parada, presentador de televisión que no ano 2005 exerceu como pregoeiro desta Feira do Viño.

A xornada do sábado rematará con música, primeiro a cargo da orquestra Marbella e despois da man do DJ local, Adri Díaz.

Para a xornada do domingo, contarase coa animación dos grupos de gaitas O Recanto e Érbedo e coa entrega de trofeos aos adegueiros das adegas inscritas: Alma das Donas, Algueira, Atrium Vitis, EDV 2015, Fructuoso-Hobbs, Lar de Ricobao, Ponte da Boga, Adegas Terrae, Adega Gullufre, Rectoral de Amandi, Terrazas de Outeiro e Val de Quiroga.

A maiores, en calidade de invitada, este ano acudirá unha adega da D.O. Rías Baixas, a Adega Corisca.

As charangas NBA e Terras do Bibei encargaranse da animación do recinto feiral na tarde desta última xornada da Feira do Viño de Quiroga.