Skip to main content
Comarca SARRIAXA

A comarca de Sarria acolleu máis de 12.000 peregrinos esta Semana Santa

Por 11 Abril, 2023Abril 12th, 2023Sin comentarios

Máis de 12.000 peregrinos pasaron pola comarca de Sarria durante esta Semana Santa para percorrer o Camiño Francés do Camiño de Santiago que leva a Compostela.

Así o afirmou Jorge López, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, quen defende que a ocupación hostaleira da fin de semana pasada rozou o 90 % en Sarria e nos concellos limítrofes.

O xoves chegaron a Compostela 20.000 persoas, das que o 60 % proviñan do Camiño Francés. Moitas persoas comezárono en Sarria e outras viñan desde Triacastela.

“En total, poderíase dicir que máis de 12.000 persoas percorreron o Camiño Francés desde a comarca de Sarria cara a Santiago de Compostela”, argumenta Jorge López.

Di que esta grande afluencia de xente, “que seguirá en verán”, é debido ao “bo tempo”, entre outros motivos e que veu xente “de varias procedencias: españois, alemáns, italianos, franceses, coreanos, de Canadá e algún americano”.

“Pola oficina viñeron moitas persoas, de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 19.00 horas de luns a venres que estivemos”, defende, e di que “houbo momentos de agobio da cantidade de xente que había”.

Con respecto ao futuro, di que “isto vaise estabilizar de aquí a fin de mes, vai vir xente pero non tanta e en maio volverá a vir máis xente”.