Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Jesús Álvarez, presidente de Rúa da Música: “Queremos colaborar de forma máis próxima co resto de asociacións”

Por 30 Abril, 2023Maio 1st, 2023Sin comentarios

Falamos con Jesús David Álvarez Pena, presidente da Asociación Rúa da Música de Sarria desde xaneiro de 2023.

Por que decidiu asumir este cargo?

Principalmente por motivación persoal de querer formar parte da directiva da asociación e poder achegar algo máis alá de ser socio.

Como asume este reto?

Con entusiasmo e con ganas de facer cousas con e para a asociación, así como tamén achegar o meu graniño de area na movida cultural do pobo máis aló do que fago coa miña banda, a Louband.

Que novidades nos trae Rúa da Música este ano?

Este ano imos sacar un disco recompilatorio polos dez anos da asociación, no cal colabora o Concello.

É un proxecto enredado da anterior directiva e que collemos xa na súa etapa final con moitas ganas.

Este disco sairá moi pronto e esperamos que estea en todas as casas de Sarria.

Tamén seguiremos programando concertos no local da asociación mensualmente e levar a cabo o festival Garitosis.

Que cousas van cambiar de anos anteriores?

Este ano cambiamos un pouco o funcionamento interno da asociación, xa que creamos grupos de traballo para repartir as tarefas entre todos, e así ser máis eficaces.

Mantemos as asembleas e procuramos realizar unha por mes e, de ser necesario, convocaranse asembleas extraordinarias.

Tamén queremos colaborar de forma máis próxima e activa co resto de asociacións do pobo e calquera iniciativa cultural sempre será ben recibida pola asociación Rúa da Música e contará co noso apoio na medida do posible.

Que iniciativas teñen en marcha?

Estamos a organizar charlas maxistrais, xa realizamos varias; por exemplo de canto, de baixo, e proximamente teremos unha dun Luthier.

Impartimos masterclass, como a vindeira do Luthier Ricardo Ramos, un Luthier portorriqueño que ten o seu taller aquí en Sarria,  pero aínda non hai data fixa.

Tamén hai clases de baile no local.

O festival Garitosis, sábese quen vai participar este ano?

Aínda non están os artistas definidos, pero xa hai propostas sobre a mesa, o que se podo dicir é que como sempre participarán grupos da asociación e do pobo.

Para quen non o saiba, que é o festival Garitosis, en que consiste?

É un festival organizado pola asociación Rúa da Música desde o ano 2012 e é un festival que aposta pola diversidade musical, cun corte claramente rockeiro, e que promove e busca dar visibilidade e exposición aos artistas e bandas do pobo.

Teñen outros eventos conxuntos con outras asociacións?

Iso é algo que queremos propoñer e apostar por iso cara ao futuro. Encantaríanos.

Por agora, podería resaltar a colaboración co festival de Blues e co Esmorga, aínda que é máis indirecta.

Para as eleccións, esperan que o próximo goberno colabore máis coa asociación?

A asociación é cultural, e a nosa prioridade é a cultura do pobo, nós queremos que Sarria sexa un referente para Lugo e para Galicia en canto á cultura e á música. Creo que iso é o que importa.

Algo máis que queira engadir?

Agradecerche esta entrevista e por darlle visibilidade ás asociacións do pobo, é importante que os medios apoien e se vexan interesados por este tipo de actividades e iniciativas.