Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

O BNG pide o respaldo aos traballadores do grupo SADA e a empresa confirma o seu compromiso coa planta

Por 29 Abril, 2023Sin comentarios

O BNG en Castro de Rei presentou unha proposta en defensa das persoas traballadoras do grupo SADA na súa planta de Castro Ribeiras de Lea, debido a que esta empresa ten previsto pechar parte da produción e deslocalizala.

A candidata do BNG á alcaldía de Castro de Rei, Olga García, declarou “desde o BNG estamos a traballar para que as traballadoras e traballadores da sección de despece do grupo SADA conten co apoio necesario para poder manter os postos de traballo en Castro Ribeiras de Lea; é unha prioridade neste momento fomentar medidas para que non se deslocalice a produción”

Neste senso, Olga García subliñou que “o BNG esíxelle ao goberno municipal a que solicite de xeito inmediato unha xuntanza co responsábel do grupo SADA xunto co comité de empresa para barallar alternativas á decisión de peche, e de igual modo, que se inste á Xunta de Galiza a que exerza as súas competencias como autoridade laboral para evitar a perda perda de emprego nesta planta”

O BNG xa mantivo un encontro e apoiou ás traballadoras e traballadores na concentración organizada polos diferentes sindicatos da planta do grupo SADA de Castro Ribeiras de Lea.

A EMPRESA

Pola súa banda, a empresa quixo contestar a estes actos reivindicativos asegurando que “o compromiso de Grupo SADA coa planta é firme, como demostra o investimento de seis millóns de euros prevista para o próximos catro anos para adecuar e mellorar todas as instalacións”.

“O obxectivo é conseguir que o matadoiro de pitos e a sala de despezamento reduzan os seus niveis de saturación actual a nivel produtivo, recolocando parte do volume de produción a outras plantas do Grupo. A iso únese a perda dun dos clientes desta planta”, engaden.

Afirman que as medidas levadas a cabo realizáronse para lograr unha maior eficiencia produtiva e mellorar a sustentabilidade do negocio no medio e longo prazo.