Skip to main content
Cospeito

De Vacas actuará na Festa da Filloa convocada para o día 1 de maio

Por 13 Abril, 2023Abril 14th, 2023Sin comentarios

Vén de convocarse a nova edición do da Festa da Filloa, organizada pola Asociación de Empresarios de Muimenta, a través das comisións da Moexmu. Un ano máis, esta festa, de Interese Turístico de Galicia terá lugar o día 1 de maio no recinto feiral de Muimenta. Co programa aínda sen presentar xa se sabe que animará a xornada o grupo De Vacas e que as filloeiras volverán ser as grandes protagonistas.

Esta actuación realízase en colaboración co programa Xuntos polo serán 2023, da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo dentro da xira Rebovina 2023 que está a realizar este grupo.

Desde que se comenzara a organizar a Festa da Filloa, colaboraron desinteresadamente, xa non só os veciños de Muimenta, senón tamén os dos pobos limítrofes, alcanzando case os douscentos colaboradores, que durante toda a xornada realizan filloas, churrasco, queimada, café e atenden á xente que se acerca ese día a xantar ata a vila.

Xunto á feira xa está convocado o tradicional concurso de debuxo e relato, no que participan todos rapaces dos colexios e institutos.

Igualmente, o vindeiro 28 de abril, a comisión está organizar unha viaxe ao programa Luar para a promoción da XXXII edición da Festa da Filloa de Muimenta. Quen desexe ir de público debe apuntarse na Mercería Teresa de Muimenta.

En próximas datas a comisión irá desvelando o resto da programación prevista para esta festa. Espérase o nomeamento do pregoeiro destas festas, que aínda non se deu a coñecer e tamén contarase con varias actuaciós e actividades.

Aínda así o principal será a elaboración da filloa, que estará ao cargo de medio cento de filloeiras e filloeiros, que se prevé que despachen arredor de 18.000 filloas empregando 500 quilogramos de fariña e máis de 70 ducias de ovos.