Skip to main content
Cospeito

A Festa da Filloa contará cun show cooking a cargo de Diego López

Por 18 Abril, 2023Abril 19th, 2023Sin comentarios

A comisión organizadora da Festa da Filloa de Muimenta, a Asociación de Empresarios local, continúa a desglosar o programa previsto para esta nova edición, que se celebrará novamente o 1 de maio no recinto feiral de Muimenta como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Xa se tiña confirmada a actuación de De Vacas, e agora anuncian a celebración dun show cooking co mestre cociñeiro Diego López.

Será a partir das 12.00 horas no propio recinto feiral Manuel Vila. A sesión dividirase en catro partes comezando por unha presentación á receita tradicional de arcea asada. A continuación farán a preparación de perdiz para falar dos escabeches nas pezas de caza. Avanzarán tamén nas “partes nobres dos animais de caza maior” para preparar lombo de corzo e rematarán con filloas flameadas.

Durante a sesión haberá tamén unha degustación gratuíta de ragut de xabaril con fabas de lourenzá. Trátase dunha actividade promovida polo tecor Terra Chá e a Federación Galega de Caza.

Co programa aínda sen rematar xa se sabe tamén que animará a xornada o grupo De Vacas e que as filloeiras volverán ser as grandes protagonistas.

Esta actuación realízase en colaboración co programa Xuntos polo serán 2023, da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo dentro da xira Rebovina 2023 que está a realizar este grupo.

Desde que se comenzara a organizar a Festa da Filloa, colaboraron desinteresadamente, xa non só os veciños de Muimenta, senón tamén os dos pobos limítrofes, alcanzando case os douscentos colaboradores, que durante toda a xornada realizan filloas, churrasco, queimada, café e atenden á xente que se acerca ese día a xantar ata a vila.

Xunto á feira xa está convocado o tradicional concurso de debuxo e relato, no que participan todos rapaces dos colexios e institutos.

Igualmente, o vindeiro 28 de abril, a comisión está organizar unha viaxe ao programa Luar para a promoción da XXXII edición da Festa da Filloa de Muimenta. Quen desexe ir de público debe apuntarse na Mercería Teresa de Muimenta.

En próximas datas a comisión irá desvelando o resto da programación prevista para esta festa. Espérase o nomeamento do pregoeiro destas festas, que aínda non se deu a coñecer e tamén contarase con varias actuaciós e actividades.

Aínda así o principal será a elaboración da filloa, que estará ao cargo de medio cento de filloeiras e filloeiros, que se prevé que despachen arredor de 18.000 filloas empregando 500 quilogramos de fariña e máis de 70 ducias de ovos.