Skip to main content
Cospeito

A Festa da Filloa presenta un programa moi completo para o día 1 de maio

Por 23 Abril, 2023Abril 24th, 2023Sin comentarios

A Festa da Filloa de Muimenta volverá celebrarse o vindeiro luns, 1 de maio, no recinto feiral Manuel Vila da localidade na que é a 32ª edición desta cita, que conta coa declaración de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2008.

A partir das 7.30 horas entrarán no recinto as filloeiras e filloeiros, que xunto cos membros da organización traballan de forma voluntaria durante a xornada. Este ano, desde as 8.00 horas estará comezando a facer filloas a máquina de Lestedo e as filloeiras e filloeiros comezarán o seu traballo a partir das 9.00.

A Festa da Filloa de Muimenta contará este ano cunha gran número de actividades que se desenvolverán a partir das 10.00 horas, cando se abrirá a exposición de cestería e cantería do Centrad nas oficinas do Recinto feiral.

Están previstas varias actividades vinculadas á caza organizadas polo Tecor Terra Chá como un similador de tiro, exhibición de cans de mostra, de cetrería, tiro con arco e un show cooking co cociñeiro Diego López. Todas, agás o obradoiro de cociña, serán en sesión de mañá e tarde.

O show cooking dividirase en catro partes comezando por unha presentación á receita tradicional de arcea asada. A continuación farán a preparación de perdiz para falar dos escabeches nas pezas de caza. Avanzarán tamén nas “partes nobres dos animais de caza maior” para preparar lombo de corzo e rematarán con filloas flameadas.

Durante a sesión haberá tamén unha degustación gratuíta de ragut de xabaril con fabas de lourenzá.

Completarán as actividades un taller de torneiro con Husseim Aali Taleb Fernández e actividades de Agility. Ademais, os actos oficiais serán a partir das 13.30 coa inauguración oficial seguida da lectura do pregón que estará a cargo do escritor lucense Jordi Cicely, autor da novela Mariela envenena mis sueños. Seguidamente entregaranse os premios do concurso de relato e debuxo e farase unha visita polas instalacións.

MÚSICA

Non faltará un completo abano musical para animar a xornada. O acto principal será o concerto de De Vacas, ás 18.00 horas como colofón da festa.

Esta actuación realízase en colaboración co programa Xuntos polo serán 2023, da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo dentro da xira Rebovina 2023 que está a realizar este grupo.

Pero ademais, haberá outras actuacións como a da Escola de música e baila tradicional da Pastoriza, ás 11.00 horas, A Volta do Agro ás 12.10 e a sesión vermú a cargo de Cosmedeejay de Eventec ás 13.00 horas, que contará con dúas sesións antes e despois dos actos oficiais.

Tralo xantar, retomaranse as actividades, precedidas pola actuación de Leña Verde de Pol e as Pandereteiras de Muimenta, que actuarán ás 17.15 horas.

A directiva de Xotramu abrirá pola tarde o Museo da Zoca e a Escola Vella para todas aquelas persoas que desexen visitalos, así como a mostra Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia, de Asorporcel.

PRESENTACIÓN EN MADRID

O vindeiro martes 25 de abril, unha representación da comisión organizadora da Moexmu e da Festa da Filloa de Muimenta do 2023 (en principio o presidente Daniel Pollán e o coordinador José Manuel Rus Rodríguez), acompañados polo alcalde do Concello de Cospeito, Armando Castosa, acudirán á Casa de Galicia en Madrid, xunto a catro filloeiras, para realizar a presentación desta Festa de Interese Turístico de Galicia en Madrid.

O acto terá lugar a partir das 19:00 horas. No mesmo poderase degustar este típico producto da gastronomía galega, que o pobo de Muimenta lle leva adicando unha festa dende o ano 1992, dez deles como Festa de Interese Turístico de Galicia.

OS DETALLES

  • Conta cun orzamento de 36.000 euros
  • Haberá unha exposición de artesanía e produtos de calidade.
  • En total haberá 142 colaboradores, dos que 55 son filloeiros.
  • Un total de sete pedras de A Baña estarán coas filloeiras e filloeiros de Muimenta.
  • Tamén haberá unha máquina de facer filloas de Lestedo.
  • No concurso de debuxo participaron un cento de traballos dos colexios de Vilalba, Castro de Rei, Castro Ribeiras de Lea, Meira, Abadín e Muimenta. Presentáronse 161 traballos, 156 debuxos e 6 relatos.
  • Sortearanse catro vales de 50 euros en produtos de Aceites Abril entre os asistentes.
  • A ración de media ducia de filloas terá un prezo de 4 euros e a ración de churrasco, chourizo, pan, viño, auga, queimada e café será de 12 euros.
  • Poñeranse á venda 18.000 filloas ao longo da xornada.
  • Panadería Hermo doou uns 500 quilos de fariña para o amoado das filloas e Aceites Abril colabora con 45 botellas de aceita e agasallos para os premiados. O café corre ao cargo de Cafés Candelas.
  •  O público asistente poderá facer unhas pranchadas de filloas
  • Haberá degustación de filloas con nocilla, nata ou mel.