Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Friol inaugura o novo centro social de Silvela

Por 3 Abril, 2023Sin comentarios

Este sábado, o alcalde de Friol, José Á. Santos, xunto ao Concelleiro de Obras, Julio Cortiña, que estiveron acompañados polos veciños e veciñas da parroquia de Silvela, inauguraron o novo centro sociocultural construído polo Concello de Friol, con unha inversión duns 94.000 € de fondos propios municipais.

Desde o concello séguese apostando por investir na dotación de servizos nos barrios e nas parroquias do municipio, con estas actuacións búscase aportar mais infraestruturas para satisfacer as necesidades da veciñanza, mellorando as súas condicións de vida e potenciando e estimulando o seu arraigamento sobre o territorio. 

Trátase de unha edificación illada en planta baixa, de uns sesenta metros cadrados, de xeometría simple rectangular en planta con cuberta a dúas augas. Conta con un pequeno porche de entrada a un espazo diáfano xunto con un aseo adaptado ao que se accede por un corredor independente.

As obras foron adxudicadas á empresa Cholo S.L., que ademais de realizar o propio edificio, levou a cabo unha serie de melloras ás que se comprometeu na presentación da oferta. Estas melloras foron a urbanización exterior e o subministro e colocación de unha serie de elementos como barandilla, bancos, etc.

O Alcalde José Á. Santos sinala que “seguimos realizando importantes inversións, en este caso con un gran esforzo económico para o Concello, porque apostamos pola dinamización da poboación coa posta a disposición de locais de reunión, xa que debemos coidar tamén estes aspectos, se queremos axudar a fixar poboación no medio rural”, e engade tamén que “a nosa intención é seguir facilitando á poboación de Friol locais nos que poidan reunirse e facer actividades, para poder así continuar coa dinamización do noso pobo, infraestruturas que ofrezan condicións de seguridade, salubridade e habitabilidade adecuadas para que os veciños poidan gozar delas”.