Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Entran na última fase as obras do saneamento en Roimil, Friol

Por 21 Abril, 2023Sin comentarios

As obras de saneamento de Roimil entran na súa última fase de execución. Financiadas conxuntamente pola Xunta de Galicia e o Concello de Friol, adxudicadas por 238.000€, permitirán conectar á rede de saneamento os lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira.

As obras enmárcanse no convenio de colaboración polo que a Xunta asume o 80% do investimento e o Concello contribúe co 20% restante.

Segundo o acordo asinado, a Xunta cofinancia a actuación nun 80%, ademais de encargarse da contratación e da construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto, que estará formado por unha depuradora de oxidación total.

Pola súa banda, o Concello de Friol contribúe ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asumiu a tramitación das autorizacións precisas para posibilitar a súa realización, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se están levando a cabo.

A rede que se está construíndo, e que xa está na súa fase final, componse dunha condución principal, 2 colectores e 4 ramais secundarios, ademais de 59 pozos de rexistro.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por preto de 238.000 euros as obras de mellora do sistema de saneamento municipal na parroquia de San Xiao de Roimil, no concello de Friol, á empresa Hordescon, S.L.

As actuacións son financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Para o funcionamento do sistema de depuración incluíronse partidas para a acometida eléctrica, así como o sistema de medida e protección, e instalación interior para o seu correcto funcionamento.

Coa rede proxectada por Augas de Galicia veranse beneficiadas uns 200 habitantes.