Skip to main content
Vilalba

O Concello agradece o labor dos profesionais e veciños no incendio do polígono

Por 15 Abril, 2023Sin comentarios

O Concello de Vilalba informa que o incendio que afectou á nave industrial de Ambigal 360, situada no polígono Sete Pontes, controlouse durante a xornada do venres despois de moitas horas de loita contra o lume moi duras.

O obxectivo dos traballos de extinción centrouse en evitar que se propagase o lume ás edificacións adxacentes, varias delas tamén baleiras, unha tarefa complicada debido ao gran volume de material que había no interior.

“Dende o Concello de Vilalba amosamos a nosa solidariedade coa empresa afectada, Ambigal 360, cos seus directivos e traballadores, e agradecemos o labor de todos os que participaron nesta complicada extinción”, explicaron.

“O labor conxunto dos bombeiros do Consorcio de Lugo (Vilalba, Barreiros, Sarria, Monforte), do Consorcio da Coruña, cos Bombeiros do Eume, dos membros do Parque de Bombeiros Municipal de Lugo, das brigadas forestais da Xunta, así como dos efectivos do GES, Cruz Vermella, Protección Civil, Policía Local, Guardia Civil, foi clave. Ao igual que o labor dos traballadores das empresas do polígono e dos particulares que se achegaron ata a zona”, engadiron.

“Ante unha situación grave e perigosa, queremos agradecer o traballo de todos que axudaron nos labores de extinción. Foron moitas as mostras de solidariedade que estamos a recibir por un feito que afortunadamente, pese á grave perda material e económica, no ten que lamentar danos persoais”, subliña a alcaldesa Elba Veleiro.