Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta presenta o seu programa e o lema para as eleccións

Por 16 Abril, 2023Sin comentarios

Axudas á Conciliación; máis diñeiro ás parroquias; Centro de Procesamento dos produtos do agro ou o cambio da dirección da rúa da Pravia. Así son os 10 compromisos con Vilalba que Modesto Renda asinou diante da Casa do Concello.

O candidato de Vilalba Aberta, Modesto Renda, presentou este sábado un decálogo cos principais compromisos que poñerá en marcha de converterse en Alcalde logo das Eleccións Municipais do 28M.

Arroupado por varios membros do seu equipo, e despois dunha sinatura pública diante da Casa do Concello,  o candidato deu a coñecer unha a unha as liñas mestras dun documento “traballado, contrastado e realista” e no que destacan as políticas efectivas de conciliación en beneficio das familias traballadoras; a aposta pola ampliación do chan industrial e a captación de empresas e postos de traballo; a definición dun novo marco de financiación para as parroquias ou a posta en marcha dun Centro de Procesamento dos produtos do agro, no que os produtores locais poidan procesar as súas colleitas sen necesidade de inversión.

A posibilidade dun cambio de sentido na “dirección imposta” na rúa da Pravia; a aposta estratéxica pola posta en valor zona vella; o incremento das prazas de aparcamento ou a creación dun  Parque de Vivenda de Aluguer Social, pola vía da reactivación do expediente de desafectación das antigas vivendas de profesores de Cuart de Poblet e o inicio dos trámites para acadar a titularidade municipal das casas de Legoeiros, complementan un Programa Electoral co que a formación municipalista agarda “rachar co bipartidismo inoperante” e situar a Vilalba “no lugar que lle corresponde como capitalidade comarcal”.

Tal e como explicou Renda, a ampliación do polígono (arredor de 300.000m2) complementarase coa posta a disposición de autónomos e empresas das 6 parcelas recepcionadas para uso industrial dentro do Plan de Sectorización de Entrepinares e a creación dun Viveiro de Empresas co fin de “axudar á mocidade que queira montar un negocio e non teña capacidade de alugar un local.”   

Así mesmo, o programa recolle a creación dunha liña de bonificacións fiscais destinada a axudar á pequena  e mediana empresa e a redacción dunha nova ordenanza de tramitación co fin de reducir e simplificar os trámites para a obtención de licenzas de actividade, funcionamento, obras, etc..

Para axudar á xente moza á emanciparse, VA promoverá a mobilización de vivenda baleira en mans dos bancos pola vía da adhesión Pacto de Vivenda de Galicia e a colaboración coas propias entidades financieiras, seguindo o exemplo de Ames.

PARROQUIAS 

Modesto Renda anunciou tamén un Plan de Mellora e Mantemento de Vías no Rural que “blindará un investimento mínimo de 850.000€ (fondos propios) por cada ano da lexislatura.”  Así mesmo, comprometeuse a que os fondos do Canon Eólico revertan por primeira vez nas parroquias cada un dos anos da lexislatura (arredor de 200.000€ por anualidade) e a destinar o 100% do capítulo de investimentos do Plan Único ás parroquias, “co fin de que os fondos que anualmente se reciben da Deputación se dediquen á mellorar a rede viaria no rural.”

A posta en marcha un Plan de Sinalización das Parroquias e Barrios complementará o anterior.

De entre todos os anuncios, a creación dunha liña de axudas directas á conciliación para familias con ingresos inferiores a 5,5 veces o IPREM, en base a un límite da gasto vinculado ao número de fillos/as, ocupou un lugar central. Unha medida que, tal e como explicou Renda, se complementará coa posta en marcha un sistema de bonos a utilizar no comercio local para a adquisición de roupa e material escolar.

Así mesmo, a formación pretende trasladar a Vilalba a iniciativa “Camiños Escolares Seguros” aos centros educativos, seguindo o exemplo de Pontevedra. Un servizo de canguraxe para os máis pequenos, en colaboración coas ANPAS e a Policía Local.

Vilalba Aberta tamén as ideas claras ao respecto do Centro de Día. “Temos unha proposta clara no relativo á ubicación e ao financiamento”, declarou un Modesto Renda, que como Alcalde “solicitará a titularidade da Estación de Autobuses” – a Xunta sempre manifestou a súa vontade de cedela – co fin de proxectar alí o Centro de Día “independizando as dársenas para compatibilizar ámbolos dous servizos.”

A renovación do contrato municipal de Limpeza Viaria e Recollida de Lixo “mellorando o servizo con máis maquinaria e aumento do persoal e das frecuencias no rural” e a aprobación dunha Relación de Postos de Traballo que “remate coa problemática do persoal municipal e poña fin á parálise administrativa”, serán así mesmo prioridades municipais.

Tamén será prioritaria a ampliación e rehabilitación integral o Pavillón Municipal co fin de “poñer a disposición de clubs e usuarios un complexo adaptado e á altura da demanda actual”.

Nesta liña, Renda comprometeuse a “reverter as privatizacións de PP e PSOE” comezando pola limpeza en colexios e instalacións municipais, que “volverá ser un servizo público.”

RURAL

“Crearemos un Centro de Procesamento e Transformación de Produtos do Agro no que os produtores locais poidan procesar as súas colleitas sen necesidade de inversión”. Así resumiu Renda unha das medidas estrelas do seu programa. Un centro de apoio ao desenvolvemento rural orientado á transformación alimentaria de produtos do agro, no que pequenas explotacións e particulares poidan procesar as súas colleitas, xa sexa para autoconsumo ou para darlle saída aos excedentes.

Inspirada no modelo implementado polos Concellos de Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, o obxectivo de VA é “contribuír a complementar as economías familiares e a xerar oportunidades de desenvolvemento no territorio.”

A promoción das permutas voluntarias de terras agrícolas entre particulares subvencionando dende o Concello o 100% dos gastos notariais ou a bonificación ao 95% do IBI a vivendas vencelladas a un uso agrario ou gandeiro, complementan unha decidida aposta municipal polo desenvolmenento agrogandeiro, que se culmina coa conversión do Mercado de Abastos no “centro da distribución directa do produto do noso agro, eximíndose aos produtores locais e de ecolóxico de pagar por cada día que acudan.

“Poremos en marcha os primeiros Orzamentos Participativos da historia de Vilalba (3% do total, arredor de 360.000€) para que os veciños decidan onde e como gastalos”, explicou un Renda, que se comprometeu a reunirse coa veciñanza do rural “parroquia a parroquia” de xeito periódico, co fin de “expoñer o diñeiro co que se conta que os veciños/as decidan democráticamente as prioridades.” “Se o alcalde se move, non se precisan pedáneos, remarcou”.

Así mesmo, o candidato comprometeu a redacción dun regulamento de consultas/referendos veciñais para accións que poidan supoñer un forte impacto a nivel urbanístico, ambiental ou social e a creación dos Consellos Municipais da Cultura, do Deporte e o Consello Escolar Municipal como órganos de comunicación co tecido cultural, deportivo e educativo.

URBANISMO

“Poremos en valor a zona vella e a Praza de Santa María pasará a ser peonil; pero toda limitación do estacionamento obriga a dar alternativas”. Así xustificou Renda a necesidade de ampliar as prazas de aparcamento no casco urbano. “Sabemos das parcelas, da vontade por parte da propiedade e farémolo no primeiro ano da lexislatura”, declarou. 

A reapertura da Oficina de Rehabilitación Municipal e o desbloqueo do PXOM, pola vía da creación dunha Comisión de Seguimento que controle a súa redacción “co fin de sometelo a exposición pública na lexislatura”, complementan un amplo programa urbanístico que bonificará o Imposto sobre Construcións Instalacións e Obras (ICIO) ás obras encamiñadas á eliminación de barreiras arquitectónicas e compromete “un estudo técnico con vistas a mudar o sentido circulatorio imposto na Rúa da Pravia por parte do anterior goberno.”

A naturalización urbana progresiva será outro dos “cabalos de batalla” de VA. Así, Renda comprometeuse a “mudar cemento por espazos axardinados”, limitando as obras no casco urbano “á ampliación das zonas verdes.”

Na mesma liña, o candidato comprometeuse co deseño dun primeiro proxecto de Carril Bici que conectaría o centro co Polígono Industrial e a Área Recreativa da Madalena; coa instalación dun mínimo de 2 puntos de recarga para vehículos eléctricos; coa bonificación o Imposto sobre Construcións Instalacións e Obras (ICIO) a toda obra encamiñada á mellora da eficiencia enerxética, así como coa modificación das tarifas do IVTM “en función do tipo de vehículo e combustible.”

TURISMO

O Candidato de VA tamén agarda retomar os proxectos nos que estaba a traballar como responsable de Turismo e Comercio no primeiro ano de lexislatura.  Así, explicou polo miúdo a súa “aposta estratéxica” polo Turismo de Congresos, “aproveitando o potencial do Auditorio Municipal e a privilexiada situación de Vilalba como encrucillada de camiños”. Ademais, anunciou que, como Alcalde, proxectará ao Concello de Vilalba “como o punto máis próximo para acadar a Compostela (100km) no marco da promoción nacional e internacional do Camiño Norte.”

O deseño dun mapa de roteiros “á altura do noso patrimonio cultural, ambiental”, ou a posta en marcha dunha aplicación móbil de Turismo e Comercio co fin de “facilitar que os visitante consuman nos establecementos comerciais e hostaleiros”, completan o marco de propostas da formación.

En materia educativa, Modesto Renda comprometeuse solicitar para Vilalba os dous ciclos de FP que “mellor atenden a nosa realidade de concello semirural e que conta cunha importante industrial de transformación de leite”, isto é: Explotacións Agrarias Extensivas e Procesos e Calidade na Industria Alimentaria.

O impulso dunha Aula de Atención ao Menor para a atención e seguimento de menores en risco de exclusión social (Competencia Municipal en aplicación da “Lei Rhodes”) será outra das apostas centrais dun programa electoral, que sitúa a Saúde Mental no foco da política municipal por primeira vez no Concello de Vilalba. 

“Organizaremos unhas Xornada Anuais sobre Saúde Mental co obxectivo de facer pedagoxía entre os veciños/as de vila e parroquias ó respecto da importancia da prevención”. Así mesmo, Renda comprometeuse tamén coa creación dun Observatorio Municipal de Igualdade e Liberdade Afectivo Sexual, “en virtude da aposta de VA coa igualdade real e efectiva.”

En materia de cultura, destacan o ciclo “Cultura nas Parroquias”. Un programa itinerante que levará lectura, música e teatro a cada recuncho do rural; o inicio dos tramites para integración do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía na Rede Autonómica “co fin de protexer e pór en valor o noso patrimonio histórico” e a aposta pola sinatura dun convenio tripartito coa Deputación e a Xunta para a creación dunha Aula de Interpretación do Liño en Insua.

O programa “En Vilalba, en galego”, a fin do cumprimento da lexislación en materia de normalización lingüística e a aplicación da lexislación vixente en materia de Memoria Democrática “por primeira vez no Concello de Vilalba”, pechan o documento. 

O NOVO LEMA

Vilalba Aberta presentou este xoves as liñas e imaxe gráfica da súa campaña de cara ao 28M. Baixo o lema A túa voz é a nosa tarefa a formación municipalista tratará de facer valer a súa “capacidade de traballo e de escoita” co fin de dar resposta a “todos eses veciños/as que se senten defraudados co PSOE; pero que non están de acordo en que a solución pase pola volta do PP.”

Así o explicou a súa responsable de Organización, Mónica González, asegurando que centrarán a campaña nos “problemas reais dos veciños/as”, pois – lembrou – “foi VA quen se deixou a pel nos últimos 4 anos visitando cada recuncho da vila e as parroquias e traballando Pleno tras Pleno para contrapoñer solucións en positivo.”   

“Cada vez hai máis xente farta das escusas e confrontación baleira que o que quere é escoitar alternativas aos seus problemas para conciliar a vida laboral e familiar; para atopar un emprego na vila; para emprender un proxecto na súa parroquia; para sacar adiante o seu comercio ou para volver cada día á súa vivenda sen deixarse as rodas do seu vehículo.  Destes problemas, recalcou, falará VA. 

GOBERNAR VILALBA DENDE VILALBA CUN ALCALDE SEN ATADURAS

Na presentación do lema, tamén interveu o candidato á Alcaldía da formación, Modesto Renda,  e fíxoo para explicar as bases da nova Vilalba que, como Alcalde, aspira representar: “Unha nova Vilalba que confía en si mesma e que quere que o Concello se goberne desde aquí. Rematou o tempo de que a última palabra a teñan aqueles que lle deben o seu posto ao partido e se decida en despachos de Santiago.”

Renda, que pechou o acto declarando que “Vilalba non é unha sucursal”, apelou a construír “unha nova Vilalba gobernada dende Vilalba”, cun goberno “forte e leal” e un Alcalde que defenda a súa xente sen complexos e sen ataduras”.