Skip to main content
Vilalba

Luz Darriba falará en Vilalba sobre María Casares no ciclo Mulleres Galegas

Por 19 Abril, 2023Abril 21st, 2023Sin comentarios

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o venres 21 de abril, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a conferencia Para reter a auga. Conversas ao redor de María Casares, impartida por Luz Darriba, artista e escritora. Presentará o acto Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

Esta será a terceira conferencia correspondente ao ciclo Mulleres Galegas, programado polo Iescha para levar a cabo durante todo este ano 2023. A primeira tivo lugar no mes de xaneiro e correu a cargo de Germán Castro que falou da científica galega Ángeles Vilariño. A segunda, impartida por Vanesa Siso, programase para o mes de marzo e xirou entorno á cousificación e mercantilización do corpo das mulleres.

Luz Darriba naceu en 1954, en Montevideo. Trasladouse en 1970 coa súa familia a Bos Aires, e vive dende 1990 en Galicia. Filla da diáspora galego-asturiana no Río da Prata, estudou Belas Artes e Filosofía e Letras na Universidade de Bos Aires. Como artista, realizou centos de exposicións, macrointervencións en espazos públicos (como a da Muralla de Lugo, con 659.000 libros) e recibiu numerosas distincións internacionais. Formou parte do staff permanente de Foeminas, a primeira revista virtual feminista do país (2005-2008). En 2010 retomou a súa vella vocación literaria, e publicou Toda a xente errante, a súa primeira novela (2012), Xoguetes para nenos cegos (2015) e O que o vento non se levou, relatos para espertar a memoria (2016).

Recibiu nesta etapa varios recoñecementos, entre eles o Premio Ánxel Fole (2012). Os seus relatos forman parte de moitas antoloxías en España e Latinoamérica (como Bovarismos, antoloxía de relatos escritos por mulleres).

Escribe unha columna semanal en Nósdiario e colabora con distintas publicacións internacionais.