Skip to main content
A FonsagradaBecerreáBurelaVilalbaViveiro

A Deputación organiza un ciclo de música clásica para reivindicar este xénero

Por 25 Abril, 2023Sin comentarios

O estudantado de Viveiro, Burela, A Fonsagrada, Becerreá e Vilalba coñecerán esta proposta, na que se interactúa cun teléfono móbil en tempo real.

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asistiu este luns en Monterroso ao primeiro concerto do ciclo Música e Memes, un programa organizado pola Deputación de Lugo para o estudantado de Educación Secundaria que percorrerá ata o 16 de maio seis concellos da provincia para dar a coñecer e achegar a música clásica aos mozos e mozas. Xunto a Monterroso, esta actividade celebrarase en Viveiro, Burela, A Fonsagrada, Becerreá e Vilalba.

Para a reivindicación deste xénero, esta iniciativa parte dunha rigorosa investigación semiótica que deriva na explicación do sentido musical a través de memes, unha linguaxe moi empregada polo público obxectivo deste traballo. A través dunha plataforma en tempo real e do teléfono móbil do público, participan e toman decisións sobre o que sucede no escenario.

“Trátase dun proxecto que xira arredor do Trío K. 498 Kegelstatt para clarinete, viola e piano, de W.A. Mozart, e permite expresar dinámicas e intereses actuais a través da música de finais do século XVII”, destacou García Porto. Foi a compositora ferrolá, Sofía Oriana Infante, a que escribiu unha peza pensada para este proxecto. A última parte do espectáculo é Un memento, morí, onde se mestura a cultura actual cos prexuízos sobre a música clásica.

Este luns foi a quenda do alumnado de Monterroso. As actuacións continuarán no mes de maio en Viveiro, o día 4; en Burela, o día 5; na Fonsagrada, o día 12; en Becerreá, o 15; e en Vilalba, o 16.