Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

O PSdeG lanzou o documental ‘A Mariña, o relato dunha traizón’ que aborda “as mentiras do PP sobre Altri”

Por 16 Maio, 2023Sin comentarios

Denuncian no filme a estratexia do Partido Popular para tapar, “con mentiras e incumprimentos”, o seu abandono do sector industrial na comarca, que nese momento se manifestaba pola ameaza de peche de Alcoa en Cervo e o anuncio da marcha de Vestas en Viveiro.

O PSdeG lanzou o documental A Mariña, o relato dunha traizón, sobre “as mentiras e os incumprimentos” do PP na comarca lucense sobre Altri. Este audiovisual, de 15 minutos de duración e que será difundido mediante as redes sociais, desvela a estratexia do Partido Popular na Xunta para “tapar as protestas polo abandono do sector industrial na comarca” co anuncio da chegada dunha planta de fibras téxtiles que xeraría na comarca entre 2.000 e 3.000 postos de traballo.

A noticia “foi soltada, precisamente, no momento máis crítico”, lembra o socialista de Cervo Francisco Mon, cando toda a comarca se manifestaba pola ameaza de peche de Alcoa e tamén o anuncio de marchar de Vestas en Viveiro; con máis de 600 postos de traballo en xogo nunha comarca xa resentida polos efectos da pandemia e deprimida no sector industrial. “Altri foi como unha especie de pantalla”, “un placebo”, sinalou o Presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e Alcalde de Foz, Fran Cajoto, que explicou ademais que os Alcaldes e Alcaldesas da comarca tiveron que coñecer a nova pola prensa, pois “ninguén” se puxo en contacto con eles.

A posible chegada da empresa lusa Altri á Mariña xerou “ilusión e expectativas”, “unha noticia que nos enchía de esperanza”, asegurou a Alcaldesa de Trabada e Deputada Provincial, Mayra García Bermúdez, que explicou que coas reservas de eucalipto que ten a zona sentiron o anuncio como algo “real”. “Desde ese momento, empezamos a mobilizarnos e a presentar iniciativas no Parlamento”, sinalou a Alcaldesa de Viveiro e Deputada Provincial, María Loureiro.

A Deputada socialista na Cámara autonómica Patricia Otero relatou que foi durante o debate do Estado de Autonomía cando lles chegou que había intención da Xunta, a través da sociedade Impulsa creada e participada polo Goberno galego para desenvolver proxectos con fondos europeos, de asentar Altri na Mariña. Unha sociedade que, segundo valorou Cajoto, “estannos demostrando que non deixa de ser un brazo político da Xunta”.

Os socialistas da Mariña explican tamén que solicitaron ó Executivo autonómico unha reunión para ofrecer a súa axuda e poder resolver xuntos “os posibles atrancos que puideran xurdir para a instalación de Altri na Mariña”, pero a Xunta non os recibiu, nin contestou, e tampouco lles deron acceso ó suposto estudo que se elaborou sobre as posibles localizacións de Altri na comarca, “faltando ó respecto ós veciños e veciñas da comarca”, tal e como apuntou María Loureiro.

Os portos, a man de obra cualificada, as comunicacións e a materia prima eran algunhas das vantaxes que, segundo os socialistas, A Mariña podía ofrecer a Altri e lembrou Patricia Otero que “foi aprobado, por unanimidade dos tres grupos con representación no Parlamento galego, que Altri viría preferentemente para a comarca da Mariña e polo tanto hai un compromiso”.

“Intuímos que algo pasaba e que a promesa da Xunta estaba esmorecendo”, continuou o relato Fran Cajoto, que denunciou que a Xunta anunciou mediante unha rolda de prensa do entón Presidente, Alberto Núñez Feijóo, e o CEO de Altri que a compañía non se instalaría na Mariña, senón en Palas de Rei, sen ofrecer ningún plan ou proxecto alternativo para os mariñanos, cando había un compromiso previo.

Os socialistas reforzan a reivindicación á Xunta dun plan industrial para a comarca, “despois desta traizón”, pois a Administración autonómica “permanece en silencio” a pesar de que ten as competencias en materia de industria, segundo o artigo 30 do Estatuto de Autonomía, e dispón dos recursos económicos necesarios para deseñalo e impulsalo.

Enlace ao tráiler do audiovisual e enlace de descarga do documental completo.