Skip to main content
Burela

Vaise remodelar a zona infantil de xogos no parque Rosalía de Castro de Burela

Por 26 Maio, 2023Sin comentarios

O Concello de Burela levará a cabo obras de remodelación na zona infantil de xogos no parque Rosalía de Castro. O investimento ascende a 145.000 euros e a actuación lévase a cabo grazas ao convenio asinado coa Deputación Provincial de Lugo.

O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, contou que “o alcalde de Burela, Alfredo Llano, ven de firmar un convenio coa Deputación Provincial. Do custe total das obras, que ascenderán a 145.000 euros, 115.000 serán financiados pola Deputación e o restante o Concello, para a remodelación integral da zona dos nenos máis pequenos no parque Rosalía de Castro”.

O edil sinalou que “se vai notar moitísimo o cambio. Será unha zona na que poidan xogar ao mesmo tempo máis de 80 cativos, contará cun barco pirata que vai chamar moito a atención. Dentro da intención que tiña o goberno local de mellorar os espazos públicos, eu penso que isto vai ser unha mellora moi importante”.

Fernández Rey engadiu que “ademais disto, se o tempo segue acompañando, esperemos que estes días poidamos rematar outra obra adxacente á zona de xogos no parque Rosalía de Castro, onde imos colocar unha zona de calistenia para que a xente máis maior poida facer exercicio. Entendemos que é un complemento ao parque Rosalía de Castro para que tamén a xente maior poida facer uso do mesmo. O compromiso de mellorar as zonas de xogo e de lecer do noso pobo está aí e demostrámolo unha vez máis con esta actuación”.