Skip to main content
Ribadeo

Vaise instalar unha nova sinalización para a navegación nos tendidos eléctricos que cruzan as partes máis altas do río Eo

Por 3 Maio, 2023Sin comentarios

A empresa Begasa instalará nova sinalización para a navegación nos tendidos eléctricos que cruzan as partes máis altas do río Eo. Trátase de cinco localizacións, tal e como lle suxeriu o Concello no seu día.

O rexedor contou que “hai uns días recibimos unha comunicación da empresa eléctrica Begasa, onde nos informa da colocación de sinalización para a navegación nos tendidos eléctricos que cruzan as partes máis altas do Río Eo, concretamente en cinco posicións, tal e como desde este Concello lles tiñamos suxerido, porque aínda que estaban fóra do noso ámbito territorial si que eramos coñecedores destes perigos potenciais”.

Fernando Suárez dixo: “hai que ter en conta que xa hai meses colocaron estes mesmos dispositivos visuais así como diferente cartelería nos tendidos eléctricos de alta tensión que sobrevoan a desembocadura do Río Grande na Ría de Ribadeo, onde a finais do pasado mes de agosto se producía un accidente mortal desgraciadamente”.

O alcalde explicou que “esta empresa indica que actualmente as súas liñas cumpren as normativas técnicas vixentes, pero que non existe norma algunha que impoña a sinalización de treitos navegables. Con todo, procederon a facelo porque tamén nos consta que foi requirido pola Delegación do Goberno en Galicia”.

Suárez Barcia fixo unha valoración positiva deste comunicación de Begasa: “desde o Concello de Ribadeo queremos valorar positivamente, unha vez mais, esta actuación, tanto das autoridades como das empresas competentes nesta materia para balizar e sinalizar estes perigos. Valoramos moito que esta mellora na sinalización e no balizamento, sexa para que nunca máis se volva producir unha desgraza deste tipo, nin na Ría de Ribadeo, nin no Río Eo, nin en ningún outro lugar”.