Skip to main content
Lugo

Elena Candia presenta un programa de 140 medidas “consensuadas cos lugueses”

A candidata do PP, acompañada de Paula Prado, inclúe compromisos en 13 áreas estruturadas ao redor dun Lugo para as persoas, máis seguro e que se converta no motor da provincia.

A candidata do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Elena Candia, deu a coñecer esta mañá o programa co que se presenta ás eleccións do vindeiro 28 de maio.

Arroupada pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e pola maioría das persoas que integran a súa candidatura, Elena Candia puxo en valor que se trata dunha proposta “consensuada c”, á que lle agradeceu a súa “implicación, colaboración e xenerosidade para enriquecer o noso modelo de municipio”. “Sen ese diálogo activo que iniciamos hai meses con veciños e veciñas, con colectivos sociais, con empresas e con todas as forzas vivas nunca teriamos chegado a ser os primeiros en difundir o noso programa electoral”, asegurou a popular.

Sobre este documento, a popular explicou que está estruturado en 13 áreas que se corresponden cos tres piares da que será a súa acción de goberno se obtén a maioría suficiente: un Lugo para as persoas (conciliación, benestar e valor sénior), un Concello máis seguro (tráfico e seguridade) e un municipio que asuma o seu rol de motor da provincia (cultura, rural, economía e emprego, infraestruturas, Concello cercano, urbanismo, Universidade e deporte).

PROPOSTAS PARA TODAS AS FRANXAS DE IDADE

De entre todas as medidas, Elena Candia subliñou novos compromisos no eido do Lugo para as persoas, que se veñen sumar aos que xa foi asumindo ao longo da precampaña indicando que o obxectivo deste documento é que “calquera lucense, sexa cal sexa a sua idade, encontre no programa unha medida atractiva”.

  • Para a mocidade avanzou que se deseñará unha programación cultural e deportiva de calidade, e tamén indicou que se recuperará un espazo no centro para actividades para os xóvenes que  se materializará cun acordo cos propietarios da OJE (Organización Juvenil Española) e tal e como anunciamos  Pistas multideporte en distintos barrio de Lugo.
  • Outra proposta é habilitar o programa Retorna Lugo unha estratexia dirixida a profesionais que marcharon fóra por cuestións laborais, nese senso a candidata apuntou que unha das medidas deste programa para reter o talento será “a mellora xeneralizada da conectividade para conseguir que Lugo sexa un espazo de oportunidades e que poida consolidarse ao abeiro de novas tendencias coma o teletraballo”.
  • Para a mediana idade a popular impulsará a creación do programa ‘Alumiñar’, unha estratexia de apoio para a atención e o coidado dos menores no seu propio domicilio, con especial atención ás familias monoparentais.
  • Para os maiores ve prioritario  eliminar a lista de espera no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a súa ampliación con máis prestacións e perfís profesionais coma podoloxía ou psicoloxía.

SEGURIDADE, CERTEZA, SOSTIBILIDADE E ACCESIBILIDADE

Ademais destes tres puntos, o programa contempla tamén a creación de dúas novas delegacións de Policía Local no centro e na zona norte da cidade para axilizar os tempos de resposta e mellorar a atención cidadá; a posta en marcha en determinadas zonas comerciais da cidade con problemas de estacionamento dun novo sistema para fomentar o aparcamento rotatorio, que será gratuíto nas dúas primeiras horas.

“Son exemplos que evidencian que o noso é un programa electoral realista, cumprible e pegado ás novas necesidades que van xurdindo no noso municipio, e que PSOE e BNG non foron quen de atender nos 24 anos que levan gobernando”, explicou Elena Candia, para quen o documento concilia “as demandas máis urxentes coas que debemos atender no medio prazo, como é unha estratexia de resposta ao reto demográfico”.

Na carta aberta á sociedade luguesa que abre o programa, Elena Candia subliña que cada voto “non é nin moito menos un cheque en branco”, polo que apela á “certeza e á seguridade” das propostas do PP para o municipio.

A este respecto, a candidata popular destacou que “é necesario recuperar o pulso do Concello para evitar a incerteza que provoca un goberno local que nos di que nin sequera pode garantirnos que vaiamos poder enterrar aos nosos seres queridos”, en referencia aos problemas de escaseza de persoal no cemiterio San Froilán, a cuxos empregados visitou antes da rolda de prensa.

DOCUMENTO ABERTO Á PARTICIPACIÓN

Por último, a aspirante popular animou á veciñanza a seguir sumando as súas suxestións para este documento “vivo e aberto á participación cidadá antes, durante e despois do 28 de maio” co obxectivo de poder gozar dun municipio “sostible e para todas as persoas”. Estes dous últimos compromisos tamén se reflicten en que o programa non vai ser impreso e no feito de que vai ser adaptado en varios vídeos á linguaxe sinxela “para que non quede ninguén sen coñecer cales son as nosas propostas”, concluíu Elena Candia.

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG destacou que o proxecto que Elena Candia e o seu equipo ofrecen a Lugo é “un proxecto real” porque está baseado no traballo de escoita ás propostas, ideas e necesidades dos lucenses ao longo deste tempo: “Este proxecto demostra que Elena Candia ten a Lugo no primeiro lugar das súas prioridades, ofrendo solucións reais ás necesidades reais dos lucenses”.

Paula Prado contrapuxo as propostas do PP fronte ao electoralismo do PSOE e dos seus representantes, que “veñen a Lugo a rascar votos, non a falar nin de cando vai chegar a Alta Velocidade nin de cando van arranxar o viaduto da A-6.

“En lugar de prometer a construción de vivendas para a mocidade e para a xente que ten dificultades para atopar unha, o único que ofrece o Goberno de Sánchez a Lugo son esqueletos como o que preside a entrada da cidade”, engadiu facendo referencia ao edificio Garañón.

Sobre a promesa de ofrecer un 20% de aval para as hipotecas da xente moza anunciada hai uns días por Pedro Sánchez, a número dous dos populares galegos recordou que esta medida xa estaba recollida nos Orzamentos da Xunta para 2023: “A única diferencia é que a mocidade galega xa pode pedir ese aval desde o 28 de abril, mentres que a promesa de Sánchez queda só nunha promesa máis entre toda a súa pirotecnia electoral”.

Neste sentido remarcou a importancia de que a cidadanía vexa “onde hai propostas reais e pegadas á realidade, como as de Elena Candia, fronte a promesas que só duran o que dura unha campaña electoral”.