Skip to main content
Lugo

Paralizada a tala de árbores en Santa María prevista para as obras do aparcamento

Por 11 Maio, 2023Sin comentarios

Axentes medioambientais do Servizo de Patrimonio Natural en Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda paralizaron de forma cautelar esta mañá a tala de árbores prevista no edificio de Santa María para verificar a existencia de niños.

Os axentes realizaron unha inspección a raíz dunha denuncia formulada por un particular. Trasladados ao lugar, comprobaron que entre os restos da poda inicial -que precede á tala dos exemplares- había cando menos un niño e contiña cascas de ovo.

A investigación deberá determinar o número de niños que albergan as árbores así como as especies de paxaros ás que corresponden e se se atopan actualmente na época de nidificación, antes de levantar a suspensión cautelar, de ser o caso.

O PP insta ao bipartito provincial a escoitar á sociedade lucense que reclama que se descarte a corta de sete árbores do antigo Fogar de Santa María e se modifique o proxecto do aparcadoiro.

No PP ven unha pugna entre socialistas e nacionalistas polas competencias sobre o recinto do antigo Fogar de Santa María

A OBRA

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou en abril a adxudicación por 450.000€ das obras de reforma e mellora do entorno do Fogar de Santa María, de titularidade provincial, coas que a Deputación creará 165 prazas de aparcamento que poñerá a disposición da cidadanía de maneira gratuíta fóra do horario laboral dos traballadores e traballadoras provinciais. As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Sanle SL e teñen un prazo de execución de tres meses, un mes menos que o contemplado nos pregos de licitación.