Skip to main content
Lugo

Inauguran no pazo de San Marcos unha mostra fotográfica sobre Ucraína

Por 11 Maio, 2023Sin comentarios

A exposición, instalada no corredor da planta baixa da institución, está composta por dous paneis a gran escala e 12 fotografías en formato cadro que retratan as duras vivencias da poboación ucraína en diferentes rexións do país.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este xoves no Pazo de San Marcos a exposición fotográfica Ucraína, a guerra dos civís, que se poderá ver desde hoxe ata o vindeiro 9 de xuño no corredor da planta baixa das sede da institución provincial.

A mostra, que está a percorrer varios puntos de España recala en Lugo da man da Fundación Anastasio Gracia e UXT FICA, conta con fotografías tomadas na guerra polo fotoxornalista do diario EL País Luis de Vega, que se atopa cubrindo o conflito desde o principio da invasión rusa e que, aínda que estaba previsto que interviñera por vídeoconferencia no acto, finalmente non foi posible pola situación na fronte.

Na súa intervención, José Tomé puxo en valor a impactante realidade que reflicte a fotografía de Vega, “que co seu traballo vén dando testemuña do sufrimento que padecen os civís en Ucraína. Persoas que, coma nós, levaban unha vida normal, coas súas familias, cos seus traballos, e que, sen máis, viron o seu presente e o seu futuro truncado por unha guerra incomprensible de todo punto”.

O máximo mandatario provincial destacou que, desde o comezo da guerra o 24 de febreiro de 2022, “o conxunto dos países da Unión Europea seguimos o desenvolvemento dese conflito que, por desgracia, aínda persiste. Un conflito que nos afecta no día a día polo seu impacto na economía, especialmente en sectores como o primario, coa incidencia nos prezos de produtos como o trigo ou as forraxes”. Sen embargo, fixo fincapé, “o debate sobre o impacto económico, ou sobre a forma na que a invasión rusa obriga a revisar cuestións como a defensa europea ou a eficacia da diplomacia comunitaria, non pode solapar o que tan ben resume esta exposición”. Un conflito, incidiu o Presidente, que “afecta sobre todos ós civís, e no que Rusia converte en brancos militares edificios de vivendas, escolas e mesmo hospitais”, provocando “miles de mortes, e o movemento de 14 millóns de persoas desprazadas ou refuxiadas, que escapan para poñer a salvo as súas vidas, as das súas familias, e na procura dun futuro para os seus fillos e fillas”.

Neste senso, lembrou o Presidente que dende a Deputación de Lugo “colaboramos na medida das nosas posibilidades para canalizar a corrente de solidariedade xerada na provincia cara o pobo ucraíno”. Destacou o apoio da institución “ás iniciativas sociais de recollida de fondos económicos e material para nenos e nenas”, así como no desenvolvemento de accións “para que os refuxiados que chegaron á provincia tivesen acceso a asesoría xurídico laboral que facilitase a súa integración”.

Por iso, concluíu o Presidente, “é un orgullo acoller na sede da institución provincial esta exposición de imaxes, duras, pero necesarias, para sacudir conciencias”, que lembran “que temos que seguir apoiando ó pobo ucraíno; que temos que seguir atendendo ás persoas refuxiadas; e que temos que reforzar a nosa defensa dos valores democráticos europeos como mellor resposta contra quen quere impoñer a súa vontade co uso da violencia máis sanguinaria”.

Ao remate do acto, José Tomé acompañado polos comisarios da exposición, Miguel Sánchez-Muñita e Tomás Zarza Núñez, e do Secretario Xeral da UXT FICA Galicia, Xavier Carreiro Vázquez, así como do público asistente, realizaron unha visita pola mostra.

Retrato da guerra en 12 fotografías

A exposición Ucraína, a guerra dos civís instalada no Pazo de San Marcos abre con dous paneis a gran escala que amosan, por unha banda, a evacuación de decenas de miles de ucraínos de localidades ó redor de Kiev cando o exército de Ucraína voou a ponte de Irpin para evitar o avance dos rusos; e por outra, a imaxe dunha muller asomada ao balcón na súa casa de Irpin tralos bombardeos.

A mostra está composta por 12 fotografías en formato cadro que retratan a crúa realidade que vive a poboación ucraína en diferentes rexións do país. Conta con impactantes imaxes como as fotografías de mulleres e nenos agolpados nos andéns da estación de tren de Kiev para escapar das tropas rusas; veciños de Izium esperando a recibir axuda humanitaria na praza desta localidade da rexión de Járkiv; ou a imaxe dun home de 72 anos cociñando diante do edificio no que vive.

O autor da exposición, o reporteiro Luis de Vega, cubriu desde o principio como redactor e fotógrafo do diario El País a invasión rusa de Ucraína. Aterrou en Kiev na tarde do 23 de febreiro, poucas horas antes de que o presidente Vladímir Putin ordenara as súas tropas ocupar o país veciño. O foco de Luis de Vega achega emoción coas súas impresións sobre como están a vivir os civís esta guerra en diferentes rexións do país.

Desde o inicio da invasión, 14 millóns de ucraínos tiveron que abandonar os seus fogares, e case 8 saíron do país, a maioría con destino a outros países de Europa. Segundo datos de Unicef, máis da metade dos 7,5 millóns de nenos e nenas de Ucraína víronse desprazados pola guerra.