Skip to main content
Lugo

A nova plataforma do centro da cidade envía as súas propostas ao Concello

Por 11 Maio, 2023Sin comentarios

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo, enviou ao Concello as súas propostas relativas aos distintos proxectos de peonalización do barrio. Estes foron, segundo indican, “acordados polos veciños, estudadas en canto á súa viabilidade e rigor polo equipo técnico da propia plataforma, perfectamente argumentadas e tendo en conta os condicionantes expostos polo propio Concello relativos á necesidade do cumprimento dos prazos de execución previstos ao tratarse de obras financiadas por fondos europeos”.

As propostas resúmense en tres áreas xerais. Na primeira, respecto das zonas verdes, solicítase o mantemento e ampliación das zonas axardinadas existentes, “preocupantemente mermadas nos proxectos previstos”. Na segunda proposta, relativa ao mobiliario urbano, solicítase principalmente o mantemento da fonte do Cuartel de San Fernando na súa localización actual pola súa importancia histórica ligada ao propio cuartel, así como uns bancos máis adecuados e unha disposición que permita a interrelación entre os usuarios.

A terceira proposta refírese ás telecomunicacións, solicitando que se eliminen cableados en fachada e aéreos e que se xestione a operatividade do servizo de fibra óptica, que resulta de importancia para veciños e empresas.

“Dado que a Plataforma expón estas propostas nun marco de respecto e colaboración, que se estudaron tecnicamente para garantir que son viables, ao non supoñer nin un incremento económico nin tampouco un incumprimento dos prazos de execución previstos e que manan das necesidades e o desexo dos veciños, estes solicitan do Concello que as acepte, compartindo o obxectivo común de mellorar as necesidades e calidade de vida dos veciños”, conclúen.