Skip to main content
Lugo

Lugo foi o centro da festa do galego co Correlingua

Por 12 Maio, 2023Sin comentarios

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro asistiu á festa do Correlingua en Lugo, que reuniu na Praza de Santa María alumnas e alumnos de dezasete centros educativos das comarcas do centro de Lugo e da Montaña: IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Ánxel Fole, IES Lucus Augusti, CEIP Casás, IES Xoán Montes, EE Fingoi e IES San Xillao, de Lugo; IES Xograr Afonso Gómez e IES Gregorio Fernández de Sarria; IES de Becerreá; IES Santiago Basanta Silva de Vilalba; CEIP Luis Díaz Moreno de Baralla; , IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz; CPI de Cervantes e CEIP das Nogais.

Unha xornada festiva, con humor e música en galego, a cargo do cómico Fran Rei e da banda Mekánika Rolling Banda, gañadora do Cantalingua 2022. O alumnado do IES Ánxel Fole leu o manifesto desta edicíon, co lema “Na casa, na escola, bota a lingua fóra”.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro, que se sumou ao acto,, trasladou á rapazada “a importancia do seu compromiso co uso do galego e animounos a seguir falando unha lingua que nos permite entendernos con millóns de persoas en todo o mundo” e agradeceu “a colaboración do profesorado para celebrar esta gran festa da lingua”.

A área de Cultura colabora un ano máis coa Asociación Correlingua na organización deste programa de actividades a prol da lingua, con dúas citas máis na provincia: en Vilanova de Lourenzá, mañá venres 12 de maio, como punto de encontro para os centros da Mariña; e en Monforte, o vindeiro 22 de maio, onde se xuntará alumnado das comarcas do sur.

Ademais destas festas, o Correlingua propón aos centros de ensino diferentes actividades para dinamizar o uso da lingua na comunidade educativa, como o concurso libre de creación artística en galego Crealingua, o obradoiro colectivo de regueifa Regueifando!, os obradoiros de escrita Desata a lingua no que se elabora o manifesto da vindeira edición ou concurso de música en galego Cantalingua.