Skip to main content
Lugo

O PSOE di que os anónimos de Candia foron “parte da estratexia para prexudicar aos seus adversarios políticos”

Por 12 Maio, 2023Sin comentarios

Din os socialistas que a ex alcaldesa de Mondoñedo e agora aspirante á alcaldía de Lugo presentou, a título persoal ou usando as siglas do seu partido, ata 20 recursos contra a Deputación ante instancias xudiciais. Todos tumbados pola Xustiza, coas conseguintes custas, que o PP tivo que pagar con fondos públicos, saídos das arcas provinciais”, subliñan os socialistas.

Practicamente dous meses despois de que o PSdedG demostrase con documentos oficiais que Elena Candia foi quen entregou os anónimos falsos á xuíza expedientada Pilar de Lara que orixinaron a persecución contra José Ramón Gómez Besteiro, a ex Alcaldesa de Mondoñedo e agora aspirante á Alcaldía de Lugo “segue escondéndose e sen pedir desculpas por todo o dano político e persoal gravísimo que provocou con inventos” ao agora Delegado do Goberno en Galicia, pero tamén á propia institución provincial, ós traballadores públicos e á imaxe de Lugo, afirma o PSOE. 

Os socialistas insisten en esixirlle a Candia que, “por dignidade”, debe “pedir perdón”, porque ademais, desvelan, “a entrega dos anónimos” contra Besteiro “non foi unha acción illada, nin casual, nin moito menos polo interese xeral”, senón que forma parte da súa “táctica habitual” para tratar de sacar rédito electoral atacando nos tribunais ós seus adversarios políticos.

Elena Candia, explican, “non dubida en utilizar as institucións para o seu interese partidista e persoal”, pois chegou a presentar, “a título persoal ou usando as siglas do seu partido, ata 20 recursos contra a Deputación ante instancias xudiciais. Todos tumbados pola Xustiza, coas conseguintes custas xudiciais, que o PP tivo que pagar con fondos públicos, que saen das arcas provinciais”, subliña o PSdeG.

Así, dende a súa chegada á institución provincial no ano 2011, Candia seguiu o “modelo de Trillo”, e “impulsou unha estratexia orquestrada de xudicialización da vida política con denuncias constantes para prexudicar e intentar derrocar ós seus adversarios e lograr nos xulgados o que nunca conseguiu nas urnas”. “E iso, os lucenses deben sabelo, cal é o modus operandi desta persoa”, afirman os socialistas.

Polo tanto, a popular “nunca tivo un proxecto para os lucenses. O único que aportou a Lugo son denuncias xudiciais fracasadas, que danaron a imaxe da institución, e que provocaron perdas económicas e un irreparable malgasto de cartos públicos”.

De feito, asegura o PSdeG, “a súa mala fe saíulle cara á Deputación e a todos os lucenses, con miles de horas de traballo público desperdiciadas, ben por provocar investigacións que nunca levaron a ningunha parte, ben por obrigar á Deputación a estar entregando documentación no xulgado de máis dunha década atrás para nada”.

Boicot á sede da UNED en Lugo

Candia “dedicouse a levar ós xulgados sen motivo algún, como quedou demostrado, obras e proxectos moi beneficiosos para os veciños, como un plan de emprego, melloras de estradas, orzamentos, a implantación da Administración electrónica nos concellos ou a creación de residencias de maiores”. “Ata intentou boicotear a construción da sede da UNED en Lugo” no seu breve paso pola Presidencia da Deputación.

Constantes recursos, ata 5 nun mesmo ano

Elena Candia, a título persoal ou a través de persoas do seu partido, formulou ata 20 recursos ante o Contencioso Administrativo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Tribunal Supremo, ademais de escritos á Fiscalía e mesmo á Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF).

Todos eles foron desestimados, inadmitidos, sobreseídos ou arquivados. Concentráronse nas datas previas ás eleccións municipais, chegando a presentar ata 5 recursos distintos nun mesmo ano, o 2015. Sen embargo, Elena Candia sufriu “derrota tras derrota xudicial”, o que pon de relevo que, “ademais de mala política, é mala xurista”.

“Debemos desterrar da vida pública a mala fe e a falta de ética que definen este comportamento, que, estamos convencidos, non comparten a gran maioría dos votantes e simpatizantes do PP”, asegura o PSdeG. “A política non é isto. A política é vocación de servizo público para solucionar os problemas e mellorar a vida da xente”, incide.

Por iso, engade, “os lucenses non merecen unha candidata que minte, que presenta escritos falsos nos tribunais e que denuncia continuamente, malgastando o diñeiro público”, porque “esas manobras mesquiñas costan miles de euros ós veciños”, en tanto que o PP pagou con fondos públicos tanto os procesos, como as custas xudiciais. Así mesmo, “o dano á imaxe da cidade e da provincia deu lugar a cuantiosas perdas económicas, e destruíu emprego e oportunidades”.