Skip to main content
Lugo

A veciñanza da Milagrosa participará en reunións os venres para desenvolver o plan de rehabilitación

Por 13 Maio, 2023Sin comentarios

A primeira terá lugar o vindeiro xoves, 18 de maio, á que foron convocados os colectivos do movemento asociativo, entre eles a Plataforma SOS Milagrosa Lugo Norte.

A declaración da Milagrosa e o barrio Feijoo como Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) continúa avanzando no proceso de participación cidadá iniciado a principios de ano e no que se incluíron, alén de traballos de campo como visitas presenciais aos domicilios, a realización de enquisas a particulares e centros educativos.

Así, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo un encontro co estudo de arquitectura GAU – adxudicataria das tarefas de redacción do proxecto – e coa veciñanza da zona para valorar as posibles intervencións na contorna.

“A nosa vontade é realizar un diagnóstico fidedigno da súa situación real, tanto dende un punto de vista urbanístico como social, para poder acometer despois a súa rexeneración, por iso o próximo día 18 teremos a primeira das tres mesas sectoriais previstas, polo de agora, para coñecer as preocupacións e a sensibilidade que a este respecto, teñen distintos colectivos presentes no barrio”, avanzou a rexedora.

Méndez explicou que a primeira destas reunións será co movemento asociativo para o que foron convocadas a Asociación de veciños, comerciantes e industriais Milagrosa, a Asociación Veciñal Cultural Deportiva Barrio Feijoo, a Asociación veciñal “Nova Lúa” e a Plataforma SOS Milagrosa Lugo Norte.

“Queremos afondar na percepción que teñen e tamén nas súas necesidades e peticións específicas e que poidan achegar os seus coñecementos sobre o barrio, así como a súa experiencia como colectivo implicado na mellora da vida da veciñanza”, afirmou a alcaldesa.

“A finalidade é que, todo este labor a pé de rúa e a transmisión directa das súas opinións se incorpore, dalgún xeito, na memoria que nos permita acceder ás axudas procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que o Goberno de España pon a disposición dos Concellos para que poidamos xestionar o programa de subvencións co que dar cobertura a todas as posibles intervencións a nivel de barrio”, engadiu Lara Méndez.

A rexedora lembrou que este programa recolle actuacións tanto de rehabilitación enerxética de edificios como de mellora do espazo público, reforzando deste modo o efecto de rexeneración de todo o ámbito.

Méndez avanzou que no transcurso da mesa o equipo redactor aproveitará para facer unha presentación do programa e facilitar toda a información sobre plans e programas que determinan a convivencia no barrio.

“Fomentarase tamén a realización dunha avaliación por parte dos asistentes mediante o uso de fotografías e fichas con variables e parámetros específicos e procurarán definirse, alén, as liñas de actuación a ter en conta na rehabilitación usando esa mesma metodoloxía antes de chegar ás conclusións finais”, sostivo a rexedora.

A mesa celebrarase no Colexio Salesianos, situado na praza da Milagrosa, o vindeiro xoves, día 18 de maio, ás 19:30 horas, cunha duración máxima prevista de tres horas.

A continuación, as seguintes convocatorias se centrarán no sector do comercio e a hostalaría e no movemento social, recreativo e cultural da contorna, de xeito que o estudo de arquitectura xa se foi poñendo en contacto cos diferentes colectivos que as integran para que poidan escoller ás persoas que os representarán nas mesmas.

Ademais, entre o resto das accións previstas, GAU establecerá no Centro Social da Milagrosa unha xornada semanal de atención ao público. Será os venres, de 11:00 a 13:00 horas, mentres dure o proceso de participación cidadá, co obxectivo de poder resolver as consultas e despexar as dúbidas dos particulares interesados no proxecto.

Igulamente, toda a información do ERRP da Milagrosa e barrio Feijoo pode consultarse a través deste enlace web.  Nesta ligazón atópanse, alén de todos os datos relativos ao traballo de campo que se está a realizar, o documento coa enquisa – que xa se pode cubrir e enviar online pinchando aquí– así como o contacto da adxudicataria.